A Deputación organiza unha xornada no Museo de Pontevedra sobre a presenza de Galicia na Exposición Iberoamericana de Sevilla de 1929-1930
• O xoves 13 de marzo a partir das 19:00 h, o Edifico Castelao acollerá unha conferencia de Amparo Graciani e a presentación do libro Huellas de España en la Exposición Iberoamericana de Sevilla. Galicia. Visión, presencia y mensajes
Infogauda / Pontevedra
A Deputación organiza este xoves 13 de marzo, ás 19:00 horas, no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra dúas actividades para lembrar a importancia que na arte galega do primeiro terzo do século XX tivo a participación de Galicia na Exposición Iberoamericana de Sevilla. A investigadora Amparo Graciani ofrecerá unha conferencia sobre o tema, seguida da presentación do libro Huellas de España en la Exposición Iberoamericana de Sevilla. Galicia. Visión, presencia y mensajes.
Graciani pronunciará a conferencia “Galicia na Exposición Iberoamericana de Sevilla (1929-1930)”. Tras un longo proceso de vinte anos de preparativos, entre o 9 de maio de 1929 e o 21 de xuño de 1930, celebrouse en Sevilla a Exposición Iberoamericana. Tratouse dun proxecto de Estado dirixido á promoción internacional e á exaltación dos fundamentos ideolóxicos da ditadura de Primo de Rivera, en especial da idea da unidade de España desde a súa diversidade rexional. Iso condicionou a construción dunha serie de pavillóns rexionais, de carácter provisional, organizados polas distintas deputacións. O pavillón de Galicia, construído polas catro deputacións e deseñado por Miguel Durán-Loriga Salgado, serviu de marco á exposición de contidos (históricos ou de nova creación) dirixidos a mostrar a xeografía, historia, arte, cultura, turismo, e economía rexional.
Amparo Graciani García é licenciada e doutora en Historia da arte pola Universidade de Sevilla, onde é catedrática, cunha traxectoria académica de máis de 35 anos. Centrou as súas investigacións ao redor da historia da construción e a Exposición Iberoamericana de Sevilla de 1929. Desde 2017 traballa na promoción e divulgación inclusiva dos estudos sobre o devandito certame para a conmemoración do seu centenario, en cuxo marco dirixiu os dous congresos internacionais (CIEIA) celebrados sobre a Exposición en 2018 e 2021.
Ademais da conferencia, ás 20:00 h presentarase o libro Huellas de España en la Exposición Iberoamericana de Sevilla. Galicia. Visión, presencia y mensajes, editado pola Universidade de Sevilla. O libro, prorrogado polo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, inclúe estudos de diferentes autores e autoras. Na presentación en Pontevedra participarán varias das persoas autoras como Aurelia Balseiro García e María Quiroga Figureroa, directora e técnica do Museo Provincial de Lugo respectivamente; Eduardo Esteban Meruéndano, presidente da Asociación Cristóbal Colón Galego; e a propia Amparo Graciani García.
Ningún comentario:
Publicar un comentario