AS FARMACIAS DA PROVINCIA DE PONTEVEDRA E AS ÁREAS SANITARIAS DE VIGO, PONTEVEDRA- O SALNES E SANTIAGO, LANZAN UNHA CAMPAÑA PARA QUE OS USUARIOS PIDAN CITA A TEMPO CO MÉDICO PARA RENOVAR OS TRATAMENTOS CRÓNICOS
• A campaña pon o foco na responsabilidade dos pacientes para non quedar sen receitas.
• Os farmacéuticos comunitarios e o persoal dos centros de atención primaria e hospitalaria colaborarán nesta iniciativa para diminuír as incidencias en relación coa renovación da medicación crónica.
Infogauda / Pontevedra
Todos os días nas farmacias galegas danse casos de persoas que acoden a retirar os seus medicamentos pero, ao realizar o profesional farmacéutico a comprobación no sistema de receita electrónica, detéctase que non teñen receitas activas do seu tratamento crónico. Os motivos polos que se chega a esta situación son diversos, pero na súa maioría débense a que o usuario non pediu cita a tempo co médico para a renovación das receitas, ou que esta se demora.
Segundo datos achegados polas diferentes Áreas Sanitarias, ao redor dun 10% das consultas “URXENTES” NO DÍA (o Xide indica que teñen que ser resoltas no mesmo día da consulta) teñen como principal motivo a solicitude de receitas para a renovación da medicación de forma non programada, motivo polo cal a campaña “Última receita? Pide xa a túa cita médica” busca mellorar a programación destas citas.
Froito da colaboración institucional que mantén o Colexio de Farmacéuticos coas Áreas Sanitarias de Vigo, Santiago e Pontevedra-O Salnés xorde esta campaña que estará dispoñible nos centros de saúde, hospitais e farmacias da provincia de Pontevedra a partir do 11 de marzo.
O protagonista animado da campaña que estes días ponse en marcha, “Pedro”, lémbranos que ocorre cando non se pide cita a tempo co médico para renovar as receitas.
O obxectivo desta campaña sanitaria é poñer o foco na responsabilidade do paciente á hora de pedir cita médica con antelación suficiente unha vez que se retira o último envase na farmacia.
As farmacias dispoñerán de material específico coa imaxe da campaña, como sobres para envolver os medicamentos avisando de que é a última receita e adhesivos que o farmacéutico adherirá aos envases para lembrar a necesidade de renovar as receitas.
Nos centros de saúde, hospitais e farmacias expoñeranse ao público os carteis informativos lembrando esta obrigación dos pacientes, así como o vídeo da campaña protagonizada por “Pedro”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario