Chega a Tomiño a exposición de Ecoloxistas en Acción para pór en valor os servizos ecosistémicos dos montes veciñais
• A mostra, instalada na praza do Seixo, en fronte ao Concello, permanecerá un mes en Tomiño e busca alertar sobre as múltiples agresións ambientais
• Coa iniciativa colaboran a Organización Galega de Comunidades de Montes, a plataforma A Auga é Vida e a Comunidade de Montes de Tameiga. Ademais, conta coa financiación do Ministerio de Transición Enerxética e Reto Demográfico
Infogauda / Tomiño
A exposición itinerante de Ecoloxistas en Acción para pór en valor o monte veciñal e os seus servizos ecosistémicos, vén de chegar a Tomiño, onde permanecerá durante un mes.
A mostra consta de 9 paneis agrupados por temas en 3 expositores triangulares. Neles, faise unha posta en valor dos servizos ecosistémicos, como o abastecemento de auga, a enerxía, o osíxeno e a captación de CO2, como os máis importantes subministrados polo monte veciñal. Por outra banda, destácase a relevancia das traídas veciñais, como o sistema maioritario de abastecemento de auga dos fogares do rural galego; e tamén se reflexiona sobre os impactos que certos proxectos poden ter sobre os montes comunais.
A exposición, que leva desde outubro do ano pasado percorrendo distintos lugares de Vigo, visitou tamén Redondela da man da asociación Arte Lixo.
Para Ecoloxistas en Acción, os montes veciñais son peza clave para a transición ecolóxica en Galicia. Ademais do seu valor patrimonial en canto a biodiversidade, o monte comunal aporta beneficios como auga e biomasa a milleiros de veciños e veciñas. Por iso, a organización promove que se declaren as comunidades de montes como unha figura de protección ambiental en si mesma.
Galería fotográfica:
https://multimedia.ecologistasenaccion.org/Galiza/Exposici%C3%B3n-Montes-Comunais
Ningún comentario:
Publicar un comentario