24 de mar. de 2025

PESCA

Unha empresa galega está construíndo o primeiro buque pesqueiro híbrido de España abrindo o camiño cara a descarbonización da frota 

• O proxecto Ventura, promovido pola armadora Veraguas, foi presentado no marco da xornada ‘Buques do mañá: Enerxía limpa, tecnoloxía de vangarda e mulleres marcando o camiño- Visión española da frota do século XXI’


A Representación Permanente de España na Unión Europea acolleu unha xornada na que a empresa galega Veraguas presentou o proxecto de construción do buque híbrido Ventura
Foto: X.G.

Infogauda / Bruxelas

 A Representación Permanente de España na Unión Europea acolleu unha xornada baixo o título ‘Buques do mañá: Enerxía limpa, tecnoloxía de vangarda e mulleres marcando o camiño- Visión española da frota do século XXI’ na que a empresa galega Veraguas presentou o proxecto de construción do buque híbrido Ventura que sitúa á comunidade á vangarda no proceso de descarbonización da frota.  

 No acto estivo a directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Patricia García, quen compartiu co sector a demanda de que a Comisión mobilice recursos para levar a cabo a necesaria descarbonización da frota. Nesta liña, durante o evento expúxose que, a pesar de ser un obxectivo da Política Pesqueira Común (PPC), na actualidade os apoios comunitarios están dirixidos á modernización de buques xa construídos e non ao desenvolvemento de novos buques máis modernos e eficientes.  

 Un contexto que obriga ás empresas pesqueiras a priorizar na reforma das embarcacións dirixidas á mellora das condicións de vida a bordo, a calidade das capturas e a sostibilidade ambiental. Na cita, paralelamente, abordáronse algúns dos desafíos aos que se enfronta o sector como a remuda xeracional, melloras na conciliación das persoas que traballan no mar, as limitacións dos tripulantes a bordo dos buques, a desigualdade no marco normativo respecto  a frotas extracomunitarias, os incrementos nos costes de produción ou a baixa dos prezos dos produtos pesqueiros.  

 Estes retos obrigan ao sector a afondar na súa capacidade de resiliencia e transformación en cuxo proceso atopan obstáculos lexislativos debido á densidade normativa que rexe a actividade pesqueira, mesmo nalgúns casos contraditoria, que dificultan o desenvolvemento dos seus proxectos. Así, manifestouse a demanda dunha simplificación da regulación comunitaria que non rebaixe obxectivos pero que si axilice e facilite a actividade dos operadores do sector.  

 Neste contexto, cobra maior relevancia o proxecto da empresa Veraguas, dirixida por mulleres, que está promovendo a construción do primeiro buque pesqueiro híbrido de España. Trátase dun palangreiro dotado coas últimas tecnoloxías entre as que está o sistema Argos, que permite monitorizar a distancia a actividade do buque. Ademais, conta cun deseño que mellora a habitabilidade respondendo ás necesidades dos tripulantes, apostando tamén pola enerxía verde cun propulsor de hélice, paneis solares e baterías eléctricas así como dun sistema de palangre de superficie accionado electricamente o que se traduce en aforro enerxético.  

 A directora xeral puxo en valor esta iniciativa como modelo do traballo que está a desenvolver o conxunto da cadea mar-industria da comunidade demostrando, unha vez máis, o seu liderado a nivel europeo, situando a Galicia á vangarda. Un esforzo que implica a outros sectores como a industria naval e que debe vir acompañado de recursos comunitarios que permitan consolidar a pesca como piar da soberanía alimentaria de todo o continente.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario