O Rosal acollerá este domingo 30 de marzo, o seu innovador roteiro ‘8 Mulleres’
• O Concello organiza este percorrido guiado que busca descubrir e reivindicar o papel das rosaleiras no desenvolvemento local
• A visita sairá ás 11.00 h dende a praza do Calvario. Necesaria inscrición previa no 986 625 000
Infogauda / O Rosal
Tras o seu aprazamento por motivos meteorolóxicos, o Concello do Rosal retoma esta fin de semana o roteiro guiado ‘8 Mulleres’, unha iniciativa coa que conmemorar o 8M poñendo en valor figuras femininas clave no desenvolvemento do municipio. A nova data elixida para a actividade será o domingo 30 de marzo, con saída ás 11.00 horas dende a Casa do Concello.
Trátase dun itinerario circular urbano de 3 quilómetros con 8 paradas a través das que se dará a coñecer a historia de mulleres que desempeñaron un papel importante na historia do Rosal, reivindicando o seu legado. Ademais, tamén se reflexionará sobre espazos cunha pegada feminina relevante e outros nos que a ausencia de nomes de mulleres evidencia a necesidade de seguir avanzando cara á igualdade.
A actividade é de balde, pero require inscrición previa no Concello chamando ao 986 625 000. Como recordo desta experiencia, todas as persoas participantes recibirán un agasallo conmemorativo.
A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, anima a toda a veciñanza a sumarse a este roteiro como un exercicio de memoria colectiva e recoñecemento ás mulleres que fixeron historia no municipio. “Este roteiro non só nos axuda a lembrar o pasado, senón que nos impulsa a seguir revolucionando mentes e loitando por unha sociedade máis xusta e igualitaria”, destaca.
Ningún comentario:
Publicar un comentario