6 de mar. de 2025

DEPORTES

Blazka Hauptman continuará unha tempada máis no Guardés 

A eslovena únese a Cristina Cifuentes e Cecilia Cacheda e renova o seu acordo co Club para o curso 2025/2026 

Será a súa terceira campaña no equipo, dende que chegou en 2023 procedente do ZRD Litija 

Blazka Hauptman: “Espero que continuemos como ata agora. Todas queremos volver a xogar en Europa” 


Blazka Hauptman
Foto: M.A.G.

Redacción / A Guarda 

 Blazka Hauptman é a terceira peza do Mecalia Atlético Guardés 2025/2026. A eslovena xogará a súa terceira tempada no equipo da Sangriña, dende que o escolleu coma o seu primeiro fogar deportivo fóra do seu país no 2023. 

 Hauptman, que xoga como lateral no Mecalia Atlético Guardés, é un dos activos máis importantes á hora de desenvolver o ataque dende a primeira liña. Tras superar a rotura de ligamento cruzado posterior e menisco interno no xeonllo dereito que sufriu a finais da pasada tempada, a eslovena incorporouse ao curso 2024/2025 na súa quinta xornada, en outubro. Dende entón xogou tódolos partidos, sumando un total de 24 goles e sendo aínda máis determinante na defensa; un dos grandes nomes do equipo menos goleado da Liga Guerreras Iberdrola actualmente 

 Blazka chegou ao Mecalia Atlético Guardés no verán de 2023, procedente do ZRD Litija e apostando pola Sangriña como primeira experiencia deportiva fóra do seu país natal, Eslovenia. A pesares das dificultades que este cambio supuxo a varios niveis, viuse acollida dende o primeiro momento e cada día síntese máis coma na casa, e por todo isto quixo prolongar a súa experiencia no equipo un ano máis. Pola súa parte, o Mecalia Atlético Guardés decide seguir apostando polo seu talento como nova promesa internacional, que esta mesma tempada disputou a Women’s EHF Euro 2024 coa Selección do seu país. En definitiva, a lateral supón para o Mecalia Atlético Guardés unha peza chave nos seus éxitos actuais, así como para volver competir nunha liga europea que ambos teñen como referencia. 

 Hauptman é o terceiro nome que o Mecalia Atlético Guardés confirma para o seu plantel 2025/2026. A eslovena únese así a Cristina Cifuentes e Cecilia Cacheda, e as tres saben xa que continuarán baixo a dirección de Ana Cristina Teixeira Seabra, quen seguirá á fronte do corpo técnico tamén a vindeira tempada. Nas seguintes semanas o club continuará desvelando o resto de xogadoras que conformarán o seu proxecto para o ano que vén.   

Blazka Hauptman: “Espero que continuemos coma ata agora. Todas queremos volver a xogar en Europa” 

 A que xa é o terceiro nome do Mecalia Atlético Guardés para 2025/2026, Blazka Hauptman, declarou que se sinte “afortunada de vivir na Guarda”, unha vila que considera “un lugar moi especial” grazas ao apoio de todo un pobo e dunha peña, tan presentes que “é algo que só podes desexar”. 

 A eslovena valorou a temporada actual do equipo como “incrible”. “Imos partido a partido, cada semana intentamos dar o mellor de nós e mellorar as cousas”, explicou a primeira liña para describir a boa dinámica coa que se está a vivir este ano no plantel guardés. 

 Con respecto ao futuro, Blazka ten un obxectivo claro: “Espero que gocemos e continuemos coma o estamos a facer agora, creo que todas queremos volver a xogar na competición de Europa”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario