ATLETISMO
NADIA CONEJO BASCOY, GABRIELA LÓPEZ CADILLA E ALAN DE LA FUENTE, BRILLAN NO CAMPIONATO DE GALICIA DE PISTA CUBERTA
Sociedade Atlética do Trega / Redacción Deportes
Nadia Conejo Bascoy vén de coroarse campioa galega alevín nos 1.000 metros; Gabriela López Cadilla logrou o subcampionato galego benxamín nos 1.000 metros lisos, e Alan de la Fuente Maculewicz obtivo o título de subcampión galego alevín nos 1.000 metros lisos.
As atletas femininas, naturais de A Guarda, do Atletismo Trega Tomiño, e o atleta masculino, de Tomiño, plasmaron o seu nivel atlético nos seus respectivos galegos de pista curta.
Conejo Bascoy brillou a gran altura no XX Campionato Xunta de Galicia de Atletismo Sub12 de pista curta, sacándose a espiña da tempada invernal de cros, maquillando con ouro a tempada en pista cuberta. Antes do inicio do campionato, a pequena presentábase cun crono de 03:25.33 e con serias opcións ao pódium. E vaia se o fixo ben. Logrou o título de campioa galega nos 1.000 metros Sub12 feminino, establecendo un marcón, detendo o crono en 03:20.17, facendo marca mínima persoal, e levándose a medalla de ouro para a vila mariñeira, seguíndolle coa prata Lia Gerelavicius Gestido, da Sociedade Ximnástica de Pontevedra, con 03:21.68; para pechar o pódium a atleta luguesa Daniela Predouzo Fontela de C.P. Maristas, de Lugo, con 03:23.89.
E xa na categoría Sub10, Gabriela López Cadilla fíxose co subcampionato galego, tamén na proba de 1.000 metros lisos, onde houbo 3 series. Ela participou na serie A, levándose a medalla de prata establecendo tamén mellor marca persoal con 03:40.18, precedida tan só por Mireia Díaz López do Atletismo Olympo, que lle arrebatou o ouro por moi pouquiño, cunha entrada moi axustada en meta cun tempo de 03:39.88, despois de manter unha bonita pugna para o título, durante o transcurso da proba.
Para pechar este campionato na xornada do sábado, o noso atleta Sub-12, Alan de la Fuente Maculewicz, tivo unha destacada participación nos 1.000 metros lisos, logrando unha merecida medalla de prata. Nunha final sumamente rifada, loitou con determinación ata os últimos metros. Durante gran parte da proba mantívose en terceira posición, pero cun cambio de ritmo espectacular na recta final, conseguiu cruzar a meta en segundo lugar, parando o crono en 03:11.21 e mellorando a súa marca persoal anterior de 03:21.83.
Parabén aos tres polas súas incribles actuacións!
Ningún comentario:
Publicar un comentario