15 de mar. de 2025

CULTURA

A Xunta de Galicia lanza unha nova convocatoria do ‘Encontro de Artistas Novos’ Cidade da Cultura para apoiar a 40 figuras da creación contemporánea emerxente 

• A iniciativa ofrécelles a oportunidade de presenter no Gaiás o seu proxecto creativo, durante unha estadía na que tamén poderán estar en contacto con outros artistas emerxentes e consolidados, así como figuras do eido curatorial 


Persoas accedendo ao Gaiás - Cidade da Cultura
Foto: X.G.

Infogauda / Santiago de Compostela

 A Xunta de Galicia vén de convocar a decimo quinta edición do Encontro de Artistas Novos Cidade da Cultura, que ofrece a 40 novos talentos da creación contemporánea a oportunidade de amosar no Gaiás o seu proxecto artístico, entrar en contacto con outros creadores, tanto noveis como consolidados, e optar a realizar unha residencia artística na Cidade da Cultura.  

 Con catorce edicións ás súas costas, esta iniciativa é xa unha das citas máis consolidadas da creación contemporánea en España, pola que teñen pasado ao redor de 800 artistas e na que só na pasada edición se recibiron máis de 220 candidaturas de toda España. O encontro ofrece ás persoas seleccionadas a oportunidade de participar nunha estadía de catro días no Gaiás, durante a que presentar o seu traballo e compartir aprendizaxes con outros talentos emerxentes de eidos como as artes plásticas, a creación sonora, a performance, o audiovisual, a fotografía ou deseño téxtil, entre outras disciplinas.  

 O encontro está novamente coordinado por Rafael Doctor, un dos máis recoñecidos nomes da xestión cultural en España, cunha dilatada traxectoria como comisario de exposicións e que dirixe o encontro desde a súa primeira edición.  

 O programa deste ano inclúe ademais cinco conferencias de destacados creadores do panorama nacional entre os que destacan a artista plástica Ana de Alvear (Madrid, 1962), que a través das súas pinturas hiperrealistas, raiando no virtuosismo formal e cun maxistral emprego da cor, xoga co equívoco entre a realidade e a súa representación, e nos convida a cuestionar as nosas propias crenzas. O seu traballo, de factura minuciosa e exquisita, foi exhibido en museos de ciencias naturais e centros botánicos de toda España e desde 1997 colabora con compositores de música contemporánea realizando producións de vangarda que se estrearon, entre outros, no Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía de Madrid.  

 Participará tamén como relatora a creadora visual, autora e doutora en Filosofía, Jana Leo, (Madrid, 1965), que en 2024 publicou o libro Mamá está muerta, pero la vamos a curar. A obra nace da análise dos casos das 132 mulleres asasinadas en Madrid entre 1999 e 2020 a mans das súas parellas ou ex-parellas homes, casos que ilustra de xeito arrepiante e conmovedor.  

 O muralista galego Yoseba MP (Cambre, 1984) será outro dos nomes consolidados que compartirán no Gaiás a súa experiencia como un dos artistas contemporáneos máis representativos da pintura mural en España na actualidade.  É especialmente recoñecido polas súas obras en gran formato en numerosas vilas e cidades, representando a mulleres maiores de zonas rurais como auténticas heroínas.  

 Completan os relatores desta edición os nomes de Juana González (Puertollano, 1972), que destaca polas súas pinturas en composicións complexas que transitan entre a figuración narrativa e o expresionismo, ou Sergio Marey (Pol, Lugo, 1997), que regresa á Cidade da Cultura para compartir o seu proceso creativo tras participar no encontro na pasada edición como figura emerxente e levar adiante no marco das Residencias Artísticas do Gaiás o seu proxecto Deus-te-livre, unha peza que conxuga a instalación artística e a performance para reflexionar sobre as representacións LGTBI.  

 Os cinco súmanse á extensa lista de artistas que participaron nesta iniciativa como relatores, entre os que atopamos nomes como os de Berta Cáccamo, Menchu Lamas, Din Matamoro, Alberto García-Alix, Daniel Canogar, Chelo Matesanz, Abel Azcona, Tono Arias, Vari Caramés, ou Oliver Laxe, entre outros moitos.  

Solicitudes ata o 23 de maio  

 A participación no encontro está dirixida a estudantes e/ou graduados en Belas Artes ou outras ensinanzas artísticas, así como a profesionais que demostren unha traxectoria ou proxecto creativo, entre 18 e 35 anos de idade. Ademais, para favorecer o diálogo creativo entre artistas de diferentes xeracións, 10 das 40 prazas están abertas a maiores de 35 anos, que deben reunir os mesmos requisitos que as demais persoas candidatas.  

 As persoas interesadas deben enviar a súa solicitude antes das 14,00 horas do venres 23 de maio xunto á documentación requirida ao enderezo electrónico encontro.cdc@xunta.gal (as bases poden consultarse na web da Cidade da Cultura). O encontro desenvolverase no Gaiás entre o 24 e o 28 de agosto de 2025.

Ningún comentario:

Publicar un comentario