Unha vintena de participantes na visita guiada polo Camiño Portugués da Costa
Antón Ferreira Lorenzo/A Guarda
O domingo, 25 de outubro, o Colectivo de Amigos do Camiño Portugués da Costa da Guarda, levou a cabo a primeira das actividades programadas co gallo do décimo aniversario da oficialización deste tramo xacobeo.
Con saída desde a Praza da II República, fronte ao antigo colexio dos Xesuítas da Pasaxe e remate na escultura do Apóstolo Santiago, cun recorrido duns sete km, os vinte participantes foron deténdose en cada un dos fitos históricos, culturais e relixiosos, que se distribúen por este itinerario descubrindo nomes de persoas, acontecementos, lugares, feitos históricos e curiosidades que ofrece o paso do Camiño Portugués da Costa pola Guarda.
A estas alturas de outubro, os participantes, entre os que se encontraban os ex alcaldes da Guarda, José Manuel Domínguez Freitas e Antonio Lomba, puideron advertir o continuo paso de peregrinos camiñando cara a Oia e Baiona, maiormente estranxeiros.
Malia que pouco antes do inicio da andaina guiada caeu unha lixeira chuvia, esta desapareceu minutos antes de iniciarse o percorrido, cunha temperatura agradable que facilitou a camiñada e permitiu deterse en cada fito, sen apuros nin incomodidades para os participantes.
A vindeira cita programada está sinalada para o 2 de novembro, ás 19.00 horas, con entrada libre. Será a conferencia de Ermelindo Portela Silva, catedrático emérito da USC, co título “Tres viaxes a Santiago”. Ao remate, inaugurarase a exposición fotográfica da posta en valor deste itinerario, e diverso material documental sobre o Camiño Portugués da Costa, que se poderá visitar desde a inauguración, de 9.00 a 14.00 horas, e de 17.00 a 20.00 horas.
A celebración do décimo aniversario da oficialización do Camiño Portugués da Costa contará, tamén, cun Faladoiro, o 6 de novembro, coa participación de Marta Silva, de Atmósfera Sport, e Fernando Álvarez Troncoso, do Albergue O Peirao, en representación do tecido comercial da Guarda. Con eles estarán Grato Amor Moreno, da Asociación Amigos dos Pazos que impulsou a investigación histórica da Camiño, e Antón Ferreira, ligado desde o comezo á promoción do Camiño Portugués da Costa, en representación do Colectivo organizador destas xornadas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario