21 de feb. de 2025

TUI

O Concello de Tui impartira o novidoso programa “Coida o corpo” en todas as parroquias 

 A inscrición abre o próximo luns. A actividade comezará no mes de marzo  




Infogauda / Tui

 O Concello de Tui desenvolverá a partir do próximo mes de marzo o programa “Coida o corpo” en todas as parroquias tudenses. Tras a exitosa experiencia piloto posta en marcha en outubro en Guillarei e Ribadelouro amplíase agora á totalidade das parroquias. A iniciativa desenvolverase en grupos, de 15 persoas, maiores de 55 anos, a cargo de  técnicos da Actividade Física e do Deporte de AFAGA.  

 Deste xeito o Concello de Tui reafirma a súa aposta pola prevención e pola promoción dunha vida saudable.  

 “Coida o corpo” súmase a “Cultiva a mente” un programa de prevención do deterioro cognitivo no que Tui foi pioneiro dende 2019, e no que se apostou por descentralizar estas actividades e realizalas en cada unha das parroquias tudenses, favorecendo non só un envellecemento activo, senón tamén a socialización entre a veciñanza.  Con estes dous programas o Concello de Tui presta unha atención integral e preventiva das persoas participantes tanto a nivel da mente e coma do corpo.  

 O programa “Coida o corpo” está deseñado para exercitar o corpo a través dunha metodoloxía activa e dinámica, traballaranse habilidades como a coordinación, forza, flexibilidade e resistencia.   

 O concelleiro de Servizos Sociais, Ismael Diz, destaca a importancia deste programa co que se reafirma a aposta decidida do Concello de Tui  no eido dos servizos sociais.  

 As sesións terán unha duración dunha hora unha vez á semana. Serán os luns ás 10 h en Ribadelouro e ás 11.30 h en Guillarei; os martes ás 10 h en Pazos de Reis e ás 11.30 h en Areas; os mércores ás 10 h en Caldelas, ás 11.30 h en Paramos, ás 16 h en Baldráns e ás 17.30  h en Rebordáns. Mentres os xoves ás 16 h impartirase en Randufe; ás 17.30 h en Malvas; e ás 19 h en Pexegueiro.  

 A inscrición pode realizarse, dende o próximo luns 24 de febreiro, a través do rexistro de entrada ou da sede electrónica do Concello. O impreso de solicitude pode descargarse en tui.gal ou recollerse impreso na Casa do Concello. En conxunto ofértanse 160 prazas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario