As Escolas Deportivas de Patinaxe de Tomiño comezaron as súas clases en cinco parroquias simultaneamente
• As prazas dispoñibles (153) esgotáronse en tan só unha mañá. Formáronse 12 grupos de 15 participantes en Goián, Barrantes, Sobrada, Tebra e Tomiño
Infogauda / Tomiño
A actividade das Escolas Deportivas de Patinaxe de Tomiño comezaron estes días as súas clases para a tempada 2025, que continúan desenvolvéndose un ano máis, en diferentes puntos do municipio, entre os meses de febreiro e xuño. Do mesmo xeito que xa acontecera en anos anteriores, as prazas dispoñibles (153 desta vez) esgotáronse o mesmo día que se abriu a inscrición na páxina web do Concello, o que dá unha idea da grande aceptación desta actividade no concello.
Como pasara na tempada anterior, na que se inscribiron máis de 140 participantes, en 2025 haberá diferentes grupos nas parroquias de Goián (3), Barrantes (2), Sobrada (2), Tomiño (3) e Tebra (2), de 15 persoas cada un.
Organizada polo Concello de Tomiño e subvencionada pola Deputación de Pontevedra, a actividade está dirixida a nenos e nenas de entre 5 e 16 anos. Segundo explica a monitora dos grupos, Vanessa Domínguez, (educadora infantil dedicada ao ensino da patinaxe dende hai 20 anos), pártese do nivel de iniciación para que, a través dos diferentes adestramentos que se van realizando, todas e todos os participantes vaian mellorando e perfeccionando a súa técnica na patinaxe artística.
“Con esta actividade, Tomiño dá continuidade ao programa deportivo municipal, ofertando de novo, a modalidade de patinaxe nas súas Escolas Deportivas; unha actividade que conta cunha gran demanda por parte das e dos escolares tomiñeses e da que poderán seguir desfrutando de forma gratuíta grazas á colaboración da Deputación de Pontevedra co Concello”, explica Cristina Martínez, concelleira de Parroquias e Educación.
Os beneficios da patinaxe son múltiples, tanto físicos (mellora a resistencia, a coordinación, e o equilibrio, e fortalece o sistema cardiovascular), como psicolóxicos (reduce o estrés, mellora o estado de ánimo e fomenta a autoestima) e sociais (crea un espazo de integración comunitaria, ideal para eventos e actividades grupais). A idade máis convinte para iniciarse nesta disciplina, a medio camiño entre o deporte e a arte, é entre os 4 e os 5 anos, segundo os expertos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario