Tui e Salvaterra de Miño presentan a súa candidatura conxunta a fondos FEDER por importe de 10 millóns de euros
Os municipios promoven o PAI, Plan de Acción Integral “Cultura Compartida”
Infogauda / Tui / Salvaterra de Miño
Tui e Salvaterra de Miño aspiran a un investimento de 10 millóns de euros de fondos europeos para a transformación do territorio e a mellora da calidade de vida da súa cidadanía, nun proxecto que marcará un antes e un despois na cooperación tranfronteireiza. Os dous municipios veñen de presentar “Cultura compartida”, un Plan de Acción Integrado, PAI, á convocatoria de axudas do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa de Crecemento Sustentable 2021-2027. Tui, que será o municipio cabeceira do proxecto, e Salvaterra de Miño únense dando un paso adiante cara a un modelo de desenvolvemento sustentable, igualitario e innovador, apostando pola revalorización do territorio como unha estratexia innovadora que busca fortalecer a identidade cultural compartida, mellorar a conexión entre ambas localidades e dinamizar a súa economía, o seu tecido social e o patrimonio natural e histórico.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, sinala que "queremos reforzar a identidade compartida de Tui e Salvaterra, poñendo en valor o noso patrimonio e creando novas oportunidades para a cidadanía”. A alcaldesa de Salvaterra, Marta Valcárcel, sinala a importancia desta cooperación entre os dous municipios que “permitirá seguir avanzando en proxectos estratéxicos para ambos”.
O PAI “Cultura Compartida” abrangue un conxunto de intervencións urbanísticas e culturais, e constitúe unha ferramenta de transformación social. Aposta por fortalecer o tecido comunitario e impulsar a economía local desde unha perspectiva inclusiva e participativa, desenvolvemento un modelo transformador baseado na cooperación e a igualdade.
“Cultura Compartida” presenta tres grandes proxectos clave: a valorización do centro histórico de Tui como nodo cultural, o reequilibrio territorial a través do río Miño e a promoción da innovación cultural transfronteiriza cun conxunto de 19 accións concretas en Tui e Salvaterra.
Entre as accións destacadas inclúense a rehabilitación de espazos e edificios públicos, a creación de sendas ao longo e cara ao Miño, axudas directas e formación para o impulso de empresas con base tecnolóxica e a implantación dunha plataforma dixital para potenciar o comercio e o turismo local.
Este Plan de Acción Integrado, PAI, cun investimento de 10 millóns de euros para un territorio vivo, representa un paso firme cara a un modelo de desenvolvemento máis sustentable, inclusivo e conectado, reforzando a posición estratéxica das dúas Eurocidades das que forman parte Tui e Salvaterra na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
Así no primeiro proxecto “Cidade histórica como nodo” desenvolveranse actuacións clave para recuperar e dinamizar o conxunto histórico de Tui como espazo de cohesión social e motor cultural e económico da comarca. Tamén se recolle o acondicionamento do Camiño da Barca, mellorando a súa accesibilidade como entrada do Camiño de Santiago Portugués, a rehabilitación dos xardíns da Alameda de San Domingos, creando un espazo verde de refuxio climático e miradoiro sobre o Miño, o acondicionamento do Centro Social Riomuiños, con melloras en eficiencia enerxética e reforma integral, e a creación dun Centro de Innovación Cultural e Tecnolóxica, que acollerá actividades para a dinamización da economía creativa e o turismo sostible.
O segundo proxecto Reequilibrio territorial a través do Miño busca reforzar as conexións ambientais, culturais e sociais entre as dúas marxes do río Miño. Así prevense proxectos de mellora dos espazos públicos en Baldráns, Caldelas e Areas, fomentando a revitalización das parroquias e a súa integración co río. Tamén se contempla o reacondicionamento da senda verde do Miño, conectando Tui e Salvaterra, cun itinerario para mobilidade peonil e ciclista. Amais está incluído neste proxecto a rehabilitación do Centro Cultural de Caldelas de Tui, reforzando o acceso á cultura no rural, e unha Oficina Itinerante de Formación Dixital, para reducir a fenda dixital e achegar servizos públicos ao rural.
Xa o terceiro proxecto previsto é Innovación cultural transfronteiriza co que se realiza unha aposta polo futuro, transformando a cultura en motor económico e social da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. No mesmo está contemplada a construción do novo Auditorio de Salvaterra, un espazo para eventos culturais e tecnolóxicos de gran escala; o establecemento de axudas ao alugueiro e rehabilitación de espazos no centro histórico de Tui, facilitando a instalación de empresas culturais e de innovación tecnolóxica; e a realización de mentorías e formación para emprendedores no sector da innovación cultural, fomentando a profesionalización da economía creativa. Por último proxéctase unha plataforma dixital Tui-Salvaterra, que centralizará a oferta cultural, turística e comercial da área.
Neste Plan de Acción Integrado “Cultura Compartida” os concellos de Tui e Salvaterra de Miño apostan por un futuro compartido, por unha cultura viva e por un territorio no que o desenvolvemento económico estea baseado na creación de riqueza colectiva e sostible. Este é un proxecto conxunto de Tui e Salvaterra, dous municipios que comparten historia, e horizonte de progreso e igualdade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario