O BNG require ao Goberno actuacións de mellora na presa do río Tamuxe, en Loureza, no concello de Oia
Carme da Silva chama o Ministerio a estabelecer un diálogo co Concello e a veciñanza e aprobar un proxecto de presa que cumpra cos máximos criterios ambientais e de seguranza
En orde ás competencias do Goberno, a senadora do BNG ínstao garantir e facer efectiva a comunidade de regantes de Folón
Infogauda / Oia
A senadora do BNG, Carme da Silva, vén de rexistrar iniciativas para que o Goberno do Estado se comprometa a realizar as actuacións necesarias que permitan a mellora da presa do río Tamuxe en Loureza, no termo municipal de Oia, ante o estado actual de abandono e deterioro. Defende ante o Goberno a necesidade de estabelecer un diálogo coa veciñanza e o Concello de Oia para que se aprobe un proxecto de presa que cumpra cos máximos criterios ambientais e de seguranza, así como a colaboración con Augas de Galiza para realizar as actuacións precisas.
Na parroquia oiense de Loureza, con alto valor ambiental e de biodiversidade, sitúanse as pozas de Loureza e de Bugalleira, así como as fervenzas de Loureza, espazos naturais no río Tamuxe que son un destacado atractivo turístico para o concello de Oia.
Na actualidade, a zona da presa do río Tamuxe atópase nun estado deplorábel, debido, en parte, a que se substituíu a barreira de terra e pedras por simplemente terra, troncos de arbores e material plástico. Ante esta situación, a organización nacionalista sinala a necesidade de realizar unha actuación de mellora nesta zona do río e dar unha solución á comunidade de regantes que demandan un uso da auga para o arroio.
“Entendemos que é fundamental que se acometa unha actuación integral de mellora da presa do río Tamuxe, garantindo que as intervencións cumpran cos requisitos ambientais e de seguranza” defende a senadora do BNG. Actuacións semellantes ás que foron levadas a cabo noutros puntos do territorio galego, como a restauración do caneiro de Acea de Olga, en Lugo, onde se está a desviar a corrente do río Miño para resolver unha situación similar.
Ante esta situación, Carme da Silva insta a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e a Augas de Galiza a colaborar para acometer as actuacións necesarias, promovendo un proxecto que respecte o medio e garanta o abastecemento de auga para a comunidade de regantes. “Ademais, demandamos a apertura dun diálogo entre o Concello de Oia, a Confederación Hidrográfica e a veciñanza de Loureza para resolver definitivamente esta situación” reivindica a senadora do BNG.
“O BNG seguirá traballando para que se dea unha solución xusta e viábel a esta problemática, sempre co obxectivo de defender os intereses da veciñanza e garantir a protección dos nosos ríos e ecosistemas naturais” reafirma Carme da Silva.
Ningún comentario:
Publicar un comentario