PP e PSOE alíanse na Deputación en contra de subir o orzamento provincial de Igualdade e da creación dunha Valedoría de Igualdade na Galiza
As nacionalistas afearon que as discusións dos grupos maioritarios no Pleno non benefician o feminismo ás portas do 8M
Infogauda / Pontevedra
Os grupos provinciais do PP e do PSOE aliáronse hoxe na Deputación en contra da moción do BNG que pedía un aumento no orzamento provincial de Igualdade e a creación dunha Valedoría de Igualdade na Galiza. A formación nacionalista subliñou que ambas peticións son “ferramentas indispensables” para avanzar nos dereitos das mulleres fronte ao “conformismo” e a “posicións máis reaccionarias” ás que se está a achegar o Partido Popular. Así mesmo, as integrantes da bancada do Bloque destacaron que as discusións entre socialistas e ‘populares’ no Pleno da Corporación, con moitos ataques persoais subidos de ton, “non benefician en nada ao feminismo” xusto ás portas do 8M.
A deputada Manuela Rodríguez, na defensa da moción do BNG, explicou que de 2023 a 2025, a pesares de que o orzamento xeral da Deputación aumentou en 28 millóns euros, a partida de Igualdade reduciuse en 435.000 euros, pasando do 1,17% do total no ano 2023 a apenas o 0,80% no 2025. “Dicir que o orzamento en Igualdade subiu un 2% é facer trampas ao solitario, porque ese incremento é con respecto ao ano pasado”, insistiu Rodríguez, quen destacou que se rebaixaron un 37’5% (de 80.000 a 30.000 euros) os fondos de actos de condena á violencia machista, baixaron 59.000 euros (42,5%) as achegas á Universidade e 76.760 euros as subvencións a entidades mentres se manteñen conxelados os fondos para a materia destinados aos concellos da provincial.
Sostivo o BNG que esa rebaixa entre 2023 e 2025 implicou unha redución práctica das accións en materia de Igualdade cando cumpriría todo o contrario, polo que insistiu na necesidade de incrementar de maneira real o orzamento “de xeito que permita poñer en marcha máis e mellores medidas encamiñadas a garantir esa igualdade”.
Así mesmo, o Bloque intentou que o Pleno da Corporación provincial defendese a creación dunha Valedoría de Igualdade como órgano de defensa cidadá perante situacións de discriminación por razón de xénero, con funcións de investigación, asesoramento, mediación e elaboración de propostas de sanción para a promoción da garantía do cumprimento do principio de igualdade.
O BNG argumentou ante PP e PSOE que son necesarios organismos públicos independentes que velen polo cumprimento e garantía dos dereitos xa recoñecidos formalmente na lexislación. De maneira específica, ve preciso abordar a cuestión no sector privado, xa que as valedorías e ‘defensorías do pobo’ actuais circunscríbense de maneira exclusiva ao ámbito público - á defensa da cidadanía fronte ás administracións-, non tendo encomenda algunha sobre as situacións de discriminación que se produzan fóra dese sector.
Por outra parte, dende o BNG a deputada María Ortega tamén afeou, fóra do debate da moción nacionalista, o comportamento e as discusións que se produciron no resto da orde do día con alusións ao feminismo.
Ortega destacou, ante a ausencia de César Mosquera como voceiro principal, que ela non era tan moderada coma el, e cualificou directamente de “bochorno” e “vergoña allea” as actitudes presenciadas no Pazo Provincial.
Ortega subliñou que non se deben realizar acusacións de machismo aos grupos contrarios simplemente por non ter outro argumento válido. Destacou que non se poden cualificar de machistas comentarios críticos cara a unha muller cando se terían realizado exactamente igual se fosen dirixidos a un home.
Ningún comentario:
Publicar un comentario