Medio Ambiente de Tomiño abriu en 2024 preto de 550 expedientes a propietarios ou propietarias de parcelas, por falla de xestión da biomasa
• Por parroquias, a gran maioría das denuncias pertencen a Tomiño Centro, seguida de Amorín e Forcadela. Pola contra, as parroquias que rexistran menos expedientes abertos son Taborda e Currás
Infogauda / Tomiño
O Concello de Tomiño veuse obrigado, no pasado ano, a abrir un total de 547 expedientes por incumprimento das labores de xestión da biomasa (roza de parcelas e tala de especies prohibidas); tarefas de obrigado cumprimento segundo a Lei 3/2007, de 9 de abril, de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia ou da Ordenanza Municipal da Xestión da Biomasa.
Ditos expedientes tramitáronse despois de recibir 436 denuncias de particulares, e 111 foron tramitados de oficio.
Das 547 parcelas denunciadas no ano 2024, o 81% delas foron tramitadas (444 expedientes); mentres que un 15% foron desestimadas (81 expedientes) e, das parcelas restantes, 22 expedientes aínda están pendentes de tramitación, por motivos diversos. Das 547 denuncias presentadas, 208 (un 38%) foron motivadas pola infracción da Lei de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia, e 283 (un 52%) polo non cumprimento das ordenanzas municipais de xestión da biomasa. Os 56 restantes (10%), foron motivados polas súas causas.
En canto á titularidade dos predios, dos 444 expedientes tramitados, unas 31 parcelas son de titularidade descoñecida ou están en investigación. Dos terreos que teñen propietarios, 108 notificacións foron infrutuosas, polo que os anuncios tiveron que ser publicados nos diarios oficiais, a efectos de notificación.
Por outra banda, do total de expedientes tramitados, 77 propietarios comunicaron ao Concello que realizaron os traballos de limpeza pola súa conta. Hai que ter en conta que, aínda que na notificación que reciben as persoas propietarias das parcelas denunciadas, se informa da obriga de comunicar ao Concello a realización dos traballos de limpeza, moitas non o fan, pero si realizan os traballos.
Se analizamos os datos dos expedientes por parroquias, dos 547 expedientes iniciados, a parroquia de Tomiño é a que ten maior número de expedientes abertos (un total de 208) seguida de Amorín con 85 e Forcadela con 63. Contrariamente, as parroquias que rexistran menos expedientes abertos son Taborda, con 2, e Currás, con 3.
Comparando o número de parcelas denunciadas con respecto ao ano anterior, nótase unha lixeira baixada na apertura de expedientes, constatándose un descenso importante na parroquia de Currás. Nos demais casos, mantéñense, aproximadamente, os valores do ano anterior.
Por outra banda, as execucións subsidiarias que tivo que asumir o Concello de Tomiño en 2024, foron 11, levadas a cabo en parcelas con expedientes abertos no ano anterior. O custe da contratación destes traballos ascendeu a 5467,40 euros (IVA incluído), que deberán reembolsar os propietarios ou propietarias ao Concello.
A concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro, delegada para a tramitación destes expedientes, resalta que “en moitos casos, estas parcelas coinciden en faixa secundarias, na que o Concello aposta pola inclusión de frondosas autóctonas, coa campaña “Rodéate de Vida” (que se está levando a cabo nestes meses) e así se lle comunica aos afectados, cando se envían as notificacións”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario