18 de feb. de 2025

TOMIÑO

Co recital poético e musical de Pablo Vila sobre Rosalía de Castro, Tomiño lembrará o 188º aniversario do nacemento da poetisa 

 Oito poemas musicalizados e oito poemas que serven de enlace, propoñen ao público unha viaxe moi especial a través do tempo e da memoria  




Infogauda / Tomiño 

 O músico, cantautor, poeta e escritor vigués, Pablo Vila, cun estilo musical propio e letras profundas, presentará o vindeiro domingo, 23 de febreiro, a partir das 17.30h na Praza Cultura (Goián), “O soño e o eco a Rosalía de Castro”, un recital poético, composto (por encargo do Concello) por 8 poemas (musicados) da escritora, e oito textos que serven de enlace. Trátase, segundo explica o autor, dunha viaxe a través do tempo, da memoria, da historia e da paixón. Un soño lírico no que Pablo Vila visita a Rosalía nun enclave relacionado con ela, a súa vida e o fondo da súa poesía. E no que, en verso, ambos dialogan sobre o poema musicado e interpretado a continuación.   

 O artista vigués leva un año preparando e musicalizando os poemas para estrealos ese día. “Bo, xa o podo dicir. Levo meses traballando nun monográfico sobre Rosalía de Castro. Que terá como nome “O soño e o eco a Rosalía de Castro”. Será un novo camiño do meu traballo, homónimo, e terá lugar en Tomiño este mes de febreiro. Foi unha viaxe preciosa que espero emocione e voe moi lonxe. Grazas as persoas que confiaron en min”, declaraba hai pouco o cantautor.

 Cun estilo musical a medio camiño entre o rock, o pop e a canción de autor; ritmo e son en evolución constante e letras cargadas de ironía, transmite a súa visión crítica e vitalista de temas sociais e humanos, sen perder o carácter íntimo e persoal. Neste proxecto, que poderemos coñecer o día 23 de febreiro coa colaboración da Xunta de Galicia e Deputación Provincial, asistiremos a unha intimista presentación lírico-poética, con fío condutor en verso, e a modo de conversa coa grande escritora galega. 

 Pablo Vila é un coñecido cantautor, músico e escritor español radicado en Vigo (Galicia), e moi vinculado a Salamanca. Escribe en galego e español. O seu primeiro disco “Veas rotas”, foi gravado en 2021 en Madrid. Nel recolle cinco temas orixinais de corte existencial, persoal e social. En constante estado de creación, móvese en escenarios emblemáticos de Vigo. En 2019 publica “Os Fillos dá Memoria”, unha novela breve inspirada no relato dos recordos da infancia da súa nai, os cales transcorren nun afastado pobo agrícola, na época da posguerra.

Ningún comentario:

Publicar un comentario