18 de feb. de 2025

O ROSAL

A maxia de Rosalía de Castro enche os Venres Rebuldeiros do Rosal  

 O Concello prepara unha nova cita con este programa de actividades para fomentar o amor pola lectura entre a cativada  

 Será este 21 de febreiro ás 18.00 h na Biblioteca municipal co espectáculo ‘Rosalía ten poderes’ de Manuela Contacontos  

 



Infogauda / O Rosal

 As palabras de Rosalía de Castro seguen abrindo camiños e inspirando a xeracións. Co Día de Rosalía á volta da esquina, o Concello do Rosal continúa fomentando o amor pola lectura e a cultura entre a cativada cunha nova cita dos Venres Rebuldeiros, que este 21 de febreiro ás 18.00 horas transformará a biblioteca municipal nun espazo máxico co espectáculo ‘Rosalía ten poderes’, unha experiencia dinámica e interactiva guiada da man de Manuela Contacontos.  

 A través de pequenas historias e narracións cheas de creatividade, nenos e nenas descubrirán os valores e o legado de Rosalía de Castro, unha escritora que fixo visible a literatura feita por mulleres e que reivindicou a lingua e a cultura galega. Adaptado a diferentes idades de educación infantil e primaria, este espectáculo convida á infancia a mergullarse na vida e obra da autora galega máis universal dun xeito lúdico e atractivo.  

 A actividade é de balde e está enmarcada na iniciativa ‘Ler conta moito’, un programa de dinamización da lectura que busca achegar á veciñanza ao pracer de ler e á información dun xeito lúdico e atractivo a través dos centros que pertencen á Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario