25 de feb. de 2025

TOMIÑO

Un equipo docente do CRA Mestre Manuel Garcés, de Tomiño, viaxa a Italia para coñecer outros modelos de traballo con nenos e nenas de 3 a 6 anos  

• Dentro do programa “Observa-Acción”, os profesores escolleron escolas rurais da rexión de Pistoia cunha metodoloxía recoñecida internacionalmente  


Integrantes do equipo docente do CRA Mestre Manuel Garcés, de Tomiño, que estivo visitando, a semana pasada, a comuna de Pistoia (Rexión da Toscana. Italia)
Foto: C.T.
 

Infogauda / Tomiño 

 Un equipo docente do CRA Mestre Manuel Garcés, de Tomiño, estivo visitando, a semana pasada, a comuna de Pistoia (Rexión da Toscana. Italia), co obxectivo de levar a cabo a segunda fase do programa “Observa-Acción”.   

 Os profesores, entre eles o director do Colexio Rural Agrupado tomiñés, Antón de Valenzuela, realizaron a primeira fase desta formación no 2024, a nivel autonómico, e nesta segunda fase escolleron visitar ás escolas e metodoloxía da recoñecida docente Deborak Capellani. “Sinalar que foi unha experiencia moi positiva, ao poder coñecer de primeira man unha metodoloxía diferente, doutro país, pero coa que compartimos moitas similitudes, e que nos deu a posibilidade de ver de preto fortalezas e vías de mellora do noso modelo educativo”, comentou Antón de Valenzuela.  

 Entre os aspectos observados cita, por exemplo, “a implicación das familias e da comunidade dentro da escola e a súa integración no día a día, traballos metodolóxicos específicos, desenvolvemento da creatividade infantil e atención ás súas necesidades; coordinación entre as diferentes escolas e profesionais que traballan nelas e, en xeral, as rutinas e desenvolvemento da xornada e estruturación de tempos e espazos”.   

 Da viaxe ás escolas italianas, o equipo volveu con moita información que será necesario analizar e traballar, para contextualizala á nosa realidade. De todas formas, segundo comentou o director do proxecto tomiñés “regresamos co convencemento de que no CRA, estamos levando a cabo un bo traballo”. Lembrou neste sentido, que hai dous anos foron recoñecidos como o proxecto máis innovador de Galicia), e que “do mesmo xeito que nós fomos a coñecer esas escolas italianas cunha gran reputación internacional, penso que eles sacarían tamén beneficio e ideas se coñecesen as nosas escolas e o noso proxecto”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario