25 de feb. de 2025

O ROSAL

O Rosal revive a memoria coa proxección de ‘Aillados’, un documental sobre a historia dos presos na illa de San Simón  

 Será este mércores 26 de febreiro ás 20.00 horas, no Centro Social Polivalente, con entrada de balde   




Infogauda / O Rosal 

 Proxectar o pasado para non esquecelo. Este mércores 26 de febreiro, o Centro Social Polivalente converterase en espazo de lembranza e reflexión coa proxección de ‘Aillados. A memoria dos presos na illa de San Simón’, un documental que afonda con testemuños e vivencias na historia dos prisioneiros que foron recluídos na illa, un lugar de illamento empregado durante o franquismo para encarcerar a opositores políticos e persoas que loitaban pola democracia.  

 A iniciativa, organizada pola Comisión pola Recuperación da memoria Histórica Baixo Miño-Condado-Louriña coa colaboración do Concello do Rosal, busca abrir un espazo de debate e conciencia sobre estes feitos que marcaron a vida de moitas familias galegas.  

 O acto contará coa intervención da alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, e coa participación do alcalde de Nigrán, Juan A. González, que afondará na relevancia histórica dos acontecementos que recolle esta peza documental. 

 A entrada será libre ata completar a cabida.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario