Misterio e aventura no castelo de Soutomaior: chega o xogo de escapismo “O xardín das camelias”
• Inauguración: o vindeiro domingo 9 de febreiro, as 16:30h, no castelo de Soutomaior
Infogauda / Soutomaior
O vindeiro domingo 9 de febreiro, as 16:30h, o Castelo de Soutomaior acollerá a inauguración de “O xardín das camelias”, un xogo de escape orixinal inspirado nas emblemáticas camelias dos seus xardíns.
O evento é de balde e aberto a todo o público, sen necesidade de inscrición previa. As persoas que participen poderán disfrutar dunha experiencia única e descubrir os enigmas e segredos que agocha esa aventura interactiva.
“O xardín das camelias” é un xogo de escape dixital, baseado en xeolocalización, que convida aos xogadores a resolveren enigmas mentres exploran os recunchos do castelo. Para participar, será necesario levar un teléfono móbil con conexión a internet, así como papel e bolígrafo para tomar notas.
A actividade está organizada pola Deputación de Pontevedra, Turismo Rías Baixas e o Castelo de Soutomaior. A súa execución corre a cargo de Skeirrum, empresa especializada en xogos de escape dixitais e experiencias gamificadas.
“O xardín das camelias” é unha proposta deseñada para grupos de amigos, familias e persoas curiosas de todas as idades. Esta experiencia combina historia, natureza e entretemento na contorna única do Castelo de Soutomaior
A partir do 9 de febreiro, o xogo de escape estará dispoñible durante toda a primavera, para que aquelas persoas que non poidan asistir á inauguración teñan a oportunidade de desfrutala en calquera momento.
Ningún comentario:
Publicar un comentario