Obradoiros prácticos para unha nova xeración de coidadores e coidadoras do medio ambiente
• 150 nenos e nenas do CRA María Zambrano participaron nun taller para aprender a xestionar os residuos e descubrir a importancia da compostaxe
Infogauda / O Rosal
O alumnado do Centro Rural Agrupado (CRA) María Zambrano teñen nas súas mans un novo poder: coidar o planeta. Arredor de 150 nenos e nenas das diferentes escolas unitarias participaron nun obradoiro de xestión de residuos no que aprenderon xogando a clasificar o lixo e a dar unha nova vida aos restos orgánicos. O taller, promovido polo Concello, permitiu aos máis pequenos e pequenas adquirir habilidades fundamentais para unha correcta separación e reciclase, converténdose en verdadeiros axentes do coidado ambiental.
Durante a xornada o alumnado mergullouse no mundo da compostaxe observando de preto os diferentes residuos que se poden achegar ao composteiro. Ademais, puideron tocar e manipular o compost maduro e descubrir os pequenos seres vivos que axudan neste proceso natural. Nun divertido xogo de clasificación, nenos e nenas tiveron que asignar distintos residuos ao seu colector correspondente, aprendendo así a importancia de separar correctamente o lixo que se xera.
A concelleira de Medio Ambiente, Beatriz Rodríguez, subliñou a relevancia de ensinar hábitos sostibles dende a infancia. “Canto antes aprendamos a separar os residuos e a entender a súa importancia, máis doado será que adoptemos estes xestos de forma natural como parte do noso día a día. Ver aos nenos e nenas tan implicados e ilusionados é a mellor proba de que estamos no bo camiño”, resaltou.
Ao rematar as actividades relacionadas coa compostaxe e a reciclaxe, a cativada puxo en común as aprendizaxes adquiridas e puido resolver todas as dúbidas, garantindo que todos os residuos fosen correctamente clasificados. Con esta iniciativa, o Concello reafirma o seu compromiso coa educación ambiental para a construción dun futuro máis sostible tamén da man das novas xeracións.
Ningún comentario:
Publicar un comentario