CETMAR e FAO unen forzas para mellorar a seguranza das embarcacións de pesca artesanal en São Tomé e Príncipe
• O Centro Tecnolóxico do Mar lidera unhas xornadas técnicas para avaliar a estabilidade e seguridade na navegación de dous prototipos de embarcacións construídos en estaleiros locais
Infogauda/Vigo
O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar pon en marcha esta semana as últimas probas dun proxecto moi especial: renovar e facer moito máis segura a navegación dos pequenos barcos da pesca artesanal en São Tomé e Príncipe. Con este paso, CETMAR contribúe a protexer a vida dos mariñeiros locais no seu dia a día no mar.
A actividade céntrase na avaliación da estabilidade e seguridade na navegación dos dous prototipos de embarcacións de pesca artesanal de arredor de 6 metros que foron construídas en materiais diferenciados: un en contrachapado mariño e outro en fibra de vidro.
Construídas nos estaleiros locais con apoio formativo de dous expertos en carpintería naval e composites de Cetmar, estas embarcacións serán sometidas a unha axenda de tres días de ensaios rigorosos no mar para comparar a súa estabilidade e o seu rendemento técnico e operativo.
Durante estas xornadas, o equipo técnico de Cetmar, conformado por un técnico e un enxeñeiro naval e oceánico, xunto con pescadores e representantes do socio local, a ONG MARAPA, realizarán as probas regulamentarias de acordo á lexislación internacional de estabilidade e navegabilidade. O obxectivo é garantir a máxima seguridade dos pescadores artesanais ante condicións de carga extrema ou manobras críticas coas artes de pesca.
O procedemento técnico supervisado polo enxeñeiro naval e oceánico desprazado a terreo polo Cetmar, divídese en dúas etapas fundamentais. Por unha banda, a proba de estabilidade e inclinación en seco, mediante a que se pretende determinar con exactitude o centro de gravidade da embarcación. Para iso, realizarase a simulación da embarcación totalmente cargada, distribuíndo pesos calibrados sobre a cuberta.
A segunda das probas é a mar ou navegación activa, cando a embarcación sae a navegar en mar aberto executando distintas manobras para avaliar a súa estabilidade dinámica e o comportamento do casco cargado.
Os resultados destas avaliacións servirán para validar os prototipos e introducir, se fose necesario, melloras no seu deseño, contribuíndo así á modernización progresiva da frota artesanal do país e ao reforzo da seguridade das persoas que desenvolven a súa actividade no mar.
Ademais da mellora das embarcacións, esta iniciativa contribúe á transferencia de coñecemento técnico aos estaleiros locais e ao fortalecemento das capacidades nacionais para a construción e mantemento de embarcacións máis seguras, eficientes e adaptadas ás necesidades do sector.
O programa FISH4ACP, no que se enmarca esta actuación, está financiado pola Unión Europea e polo Ministerio Federal de Cooperación Económica e Desenvolvemento de Alemaña (BMZ) e é executado pola FAO en colaboración con socios nacionais e internacionais.
.jpg)
Ningún comentario:
Publicar un comentario