Tomiño recoñece mañá a labor dos/das deportistas locais destacados/as no último ano
• O evento comezará ás 20.30 horas no Auditorio de Goián
Infogauda / Tomiño
Mañá, sábado 8 de febreiro, ás 20.30h, o Concello de Tomiño celebra a Octava Gala do Deporte, un evento que recoñece o desempeño dos e das deportistas destacadas no último ano.
O evento, terá lugar no Auditorio de Goián e agárdase unha gran afluencia de público para render homenaxe aos nosos/as deportistas, así como a diversas asociación e equipos.
A participación dos/das deportistas nesta gala é fundamental, xa que non só se recoñecerán os seus logros individuais, senón que tamén o esforzo colectivo que contribúe ao desenvolvemento do deporte en Tomiño.
Durante a gala, outorgaranse premios aos/ás mellores deportistas individuais masculinos e femininos, ao mellor evento deportivo e á mellor canteira, así como mencións especiais para aqueles/as que deixaron pegada no ámbito deportivo.
É de salientar que esta vez non será soamente o xurado quen concederá os galardóns, senón tamén a propia veciñanza, que tivo a oportunidade de dar o seu voto a través dunha enquisa subida á web do Concello.
Este evento non só celebra os éxitos; tamén busca inspirar ás futuras xeracións de atletas, fomentando o espírito de comunidade e colaboración.
Ademais, contarase con actuacións en directo e diversas sorpresas que farán desta unha xornada inesquecible para todos e todas as asistentes. “Convidamos a toda a comunidade a unirse a esta celebración do deporte e a apoiar aos nosos e nosas deportistas, que son o orgullo de Tomiño”, sinala o concelleiro de Deportes e Benestar Social, Rubén García, que aclara que NON se precisa acreditación no caso da prensa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario