17 de xan. de 2025

VIGO

Unha sentenza considera ilegais as restricións introducidas por Ilunion no acceso a axudas sociais por parte do cadro de persoal 

  O Xulgado do Social número 5 de Vigo vén de estimar parcialmente a demanda da CIG por modificación substancial das condicións de traballo 

Infogauda / Vigo

 O Xulgado do Social número 5 de Vigo vén de estimar parcialmente a demanda de conflito colectivo presentada pola CIG contra Ilunion Servicios Industriales por modificación substancial das condicións de traballo. A empresa pactou con UGT a nivel estatal unha serie de cambios no catálogo de axudas sociais que supoñían un incremento das restricións para acceder a estas axudas, vulnerando a igualdade de trato.  

 Dende a representación da central no centro especial de emprego do grupo ONCE explican que a sentenza decreta a nulidade parcial do catálogo de axudas sociais de 2024 no referente aos requisitos de absentismo por baixas de enfermidade común ou incapacidade temporal; á exclusión das persoas traballadoras obxecto de sanción disciplinaria; e a establecer como condición para acceder ás axudas non cobrar máis de 30.000 euros anuais. 

 A sentenza pon de manifesto que a exclusión das axudas sociais por absentismo ou IT é contraria á Lei 15/2022, do 12 de xullo, para a igualdade de trato e a non discriminación, incluíndo no apartado primeiro de seu artigo 2 a enfermidade como factor de discriminación. Mentres que a o artigo 9.1 recolle que non se poden establecer limitacións, segregacións ou exclusións nas condicións de traballo, entre outras causas.  

 En canto á exclusión das axudas por medidas disciplinarias engadida pola empresa no catálogo, o xuíz sinala que se trata dunha medida contraria á legalidade, en virtude do artigo 58.3 do Estatuto dos Traballadores/as, citando neste sentido varias sentenzas da Audiencia Nacional.  

 Ademais, en catálogos anteriores o comité pactou coa empresa que a franxa retributiva de acceso ás axudas situábase en 2,5 veces o SMI. “Mais agora, como o SMI subiu un 60% dende o ano 2019, a dirección de Ilunion e UGT suprimiron de maneira deliberada esa regra de cálculo para concretar un límite de 30.000 euros ao ano, o que supón a exclusión dalgunhas persoas traballadoras”.  

 Por todo isto, dende a CIG en Ilunion reclámanlle publicamente á empresa que retire estes requisitos do catálogo de 2025, ao tempo que censuran o feito de que a representación da UGT no comité provincial de Pontevedra se volvese situar “a carón da dirección defendendo os seus intereses, votando en contra de presentar a demanda para intentar frear discriminacións por motivos de saúde ou castigos por baixas”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario