O Rosal adestra a súa mente no taller de memoria da Asociación de Persoas Maiores
• As clases comezarán a vindeira semana en horario de mañá ou tarde. Máis información e inscricións no teléfono 661 280 976
Infogauda / O Rosal
A Asociación de Persoas Maiores do Rosal pon en marcha, en colaboración co Concello, un novo taller de memoria que busca ofrecer ás persoas maiores ferramentas prácticas para exercitar a súa mente e mellorar así a súa calidade de vida.
A iniciativa arrancará a vindeira semana no Centro Social Polivalente e permitirá escoller entre dúas opcións: os martes a partir do 21 de xaneiro en horario de tarde ou os xoves en horario de mañá, comezando o día 23. Un espazo pensado para que as persoas participantes non só melloren as súas habilidades cognitivas, senón que tamén desfruten dun tempo de socialización e aprendizaxe compartida.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, destaca a importancia de promover este tipo de iniciativas para o benestar da veciñanza e agradece o labor que realizan dende a Asociación de Persoas Maiores para un envellecemento activo e saudable. A rexedora animou a todas as persoas maiores a participar neste taller “que non só é unha oportunidade para adestrar e reforzar a súa memoria, senón tamén para seguir creando lazos e compartindo experiencias”.
Todas as persoas interesadas poden obter máis información ou inscribirse a través do teléfono 661 280 976.
Ningún comentario:
Publicar un comentario