25 de xan. de 2025

O ROSAL

A Casa-Escola de Fornelos recupera a súa esencia como espazo para a veciñanza  

•  O Concello do Rosal inaugurará este espazo polivalente e sostible o sábado 1 de febreiro ás 18.00 horas coa exposición ‘Memorias de Fornelos’, chocolatada e música de Airiños do Folón   


Aspecto que presenta actualmente a plata baixa da Casa-Escola de Fornelos
Foto: C.O.R. 

Infogauda / O Rosal  

 A Casa-Escola de Fornelos renace como espazo para a veciñanza. Tras anos destinada a almacenaxe, este inmoble construído en 1955 reabre as súas portas como un lugar de encontro e de actividade social e para dar servizo a rosaleiros e rosaleiras. O Concello inaugurará a rehabilitada casa-escola o vindeiro sábado 1 de febreiro ás 18.00 h nun acto aberto a toda a veciñanza no que se poderá desfrutar da exposición ‘Memorias de Fornelos’, cunha recompilación de fotografías antigas de Fornelos; dunha chocolatada de balde e da actuación do grupo tradicional Airiños do Folón. 

 “A recuperación deste espazo é moito máis que unha rehabilitación física. É un compromiso coas persoas, coa nosa historia e co patrimonio que nos define”, salientou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. A rexedora subliñou o traballo do Concello para que este espazo “volva ser un lugar vivo, amable, pensado para unir á veciñanza e para que as diferentes asociacións poidan desenvolver as súas actividades nun espazo cómodo e sostible”. 

 O proxecto de reforma, que supuxo un investimento de máis de 107.000 euros, transformou os 120 metros cadrados da planta baixa nun espazo moderno e eficiente enerxeticamente con sala de convivencia, sala de reunións, aseo adaptado e un pequeno office. O proceso de rehabilitación fíxose atendendo ás necesidades recollidas nun proceso participativo posto en marcha polo Concello en 2023, no que tanto a veciñanza como asociacións contribuíron con ideas para dar forma ao proxecto final. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario