30 de xan. de 2025

A GUARDA

A CORPORACIÓN MUNICIPAL DA GUARDA RECLAMA QUE CASTELAO SEXA DECLARADO PRIMEIRO PRESIDENTE DE GALIZA   

Anxo Lois Baz (BNG): “Temos a obriga de honrar a Castelao  desde a fidelidade ao seu pensamento, á súa obra e ao seu compromiso político”   


A corporación municipal do Concello de A Guarda aprobou por maioríaa proposta presentada polo grupo municipal do BNG

Infogauda / A Guarda

O pleno da corporación do Concello da Guarda acordou reclamarlle á Xunta de Galiza que declare a Castelao primeiro presidente da Xunta de Galiza. O acordo plenario da Corporación que se produce a proposta do BNG, insta tamén ao goberno municipal a impulsar unha programación municipal propia que poña de relevo a dimensión política de Castelao, o seu compromiso con Galiza, a súa obra artística e literaria, e o seu humanismo e internacionalismo solidario. 

 O acordo tamén contempla adicarlle  á figura de Castelao unha rúa, praza ou equipamento significativo. dentro do presente ano na Guarda.  

 O portavoz dos nacionalistas Anxo Lois Baz, encargado de defender a moción, manifestou: “Temos a obriga de honrar  a unha das persoas máis senlleiras da historia de Galiza. Temos a obriga de facelo sendo fieis ao seo pensamento, á súa obra e ao seu compromiso político. O primeiro presidente de Galiza foi un demócrata íntegro e exemplar. Todo o que fixo e dixo Castelao, foi esencialmente política ao servizo da nación e do pobo galego”.  

 O acordo prodúcese cando se vén de declarar o ano 2025 como Ano Castelao e se cumpren 80 anos da publicación no exilio do Sempre en Galiza e da fundación do Consello de Galiza, considerado o primeiro goberno galego, 75 anos despois do seu pasamento en Bos Aires. 

 Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo, 30 de xaneiro de 1886 - Bos Aires, 7 de xaneiro de 1950) é a principal figura política e cultural da historia contemporánea de Galiza, unha condición que deriva dunha traxectoria vital guiada pola integridade ética, a loita contra todo tipo de discriminacións e desigualdades, a defensa dos dereitos nacionais de Galiza e a militancia no internacionalismo solidario. 

 Todo o pensamento e a obra de Castelao emana do seu compromiso político e social, que o levou a participar activamente nas principais organizacións do nacionalismo galego, primeiro nas Irmandades da Fala e máis tarde, xa no período republicano, coa fundación do Partido Galeguista (1931). A súa obra literaria e artística  é plenamente consecuente coa toma de posición en defensa do país, da cultura, da lingua e das aspiracións de xustiza e liberdade do pobo galego. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario