22 de dec. de 2025

OIA

O Concello de Oia entrega os primeiros Premios de Excelencia Académica do curso 2024/2025  


A alcaldesa, Cristina Correa e a directora do CEIP Mestre Manuel García, Ana Garcés, coas alumnas premiadas na primeira convocatoria dos Premios de Excelencia Académica

Foto: C.O.

Infogauda / Oia    

 O Concello de Oia celebrou no Salón de Plenos da Casa Consistorial a entrega da súa primeira convocatoria dos Premios de Excelencia Académica, unha iniciativa posta en marcha este ano para recoñecer o esforzo e a dedicación do alumnado do municipio.  

 Nesta edición inaugural, os galardóns foron concedidos ao estudantado con nota final de sobresaliente no curso 2024/2025, nas seguintes categorías:  

Etapa educativa de Bacharelato:  

PRIMEIRO PREMIO: Agasallo por valor de 300 euros para Lucía Alonso Losada, do centro IES Primeiro de Marzo, por acadar unha puntuación media de 9,56.   

SEGUNDO PREMIO: Agasallo por valor de 200 euros para Lara Balboa Pereira, do centro IES Primeiro de Marzo, por acadar unha puntuación media de 9,39.  

TERCEIRO PREMIO: Agasallo por valor de 100 euros para Noa Español Álvarez, do centro IES Primeiro de Marzo, por acadar unha puntuación media de 9,33.  

Etapa educativa de Primaria:  

PRIMEIRO PREMIO: Agasallo por valor de 200 euros para Claudia Domínguez Salinas, do centro CEIP Mestre Manuel García, por acadar unha puntuación media de 9,71.  

SEGUNDO PREMIO: Agasallo por valor de 100 euros para Carlota Moreira Iglesias, do centro CEIP Mestre Manuel García, por acadar unha puntuación media de 9,36.  

 Con esta medida, o Concello quere poñer en valor o traballo académico, a constancia e a superación persoal, ao tempo que se fomenta a cultura do esforzo e se apoia ao alumnado e ás súas familias.  

Unha convocatoria pioneira  

 A alcaldesa, Cristina Correa, destacou que estes premios “son unha aposta pola educación e polo talento da mocidade de Oia. Queremos recoñecer publicamente o mérito académico e transmitir que o esforzo ten recompensa”.  

 Durante o acto, a rexedora fixo entrega dun diploma acreditativo e dun agasallo a cada unha das persoas premiadas. Os agasallos foron elixidos polas propias galardoadas, atendendo ao valor do premio e ás súas necesidades relacionadas co estudo, reforzando así o carácter práctico e útil da iniciativa.  

 Ademais, houbo un momento especial de interacción no que as premiadas participaron en breves entrevistas sobre a súa vida estudantil e as súas proxeccións de futuro.  

 O evento contou tamén coa presenza da directora do CEIP Mestre Manuel García, Ana Garcés, centro no que todas as premiadas cursaron a súa etapa de Primaria. Garcés expresou o orgullo que sente por ver como antigas alumnas do centro acadaron este recoñecemento. “É unha satisfacción inmensa comprobar o camiño que seguides e ver como o voso esforzo dá froitos. Deséxovos que manteñades sempre esa ilusión por aprender e que o futuro vos traia moitas oportunidades e alegrías”, subliñou.

Ningún comentario:

Publicar un comentario