Remata o obradoiro dual de Tui con 20 desempregados formados nas especialidades de forestal e carpintería de madeira
• O programa foi posible grazas a un investimento da Xunta de Galicia de máis de 540.000 euros
Infogauda / Tui
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, participou esta mañá na clausura do obradoiro dual de emprego ‘Senda Río Miño Arreiros-Penedo’, no concello de Tui.
Neste obradoiro, que tivo unha duración aproximada dun ano e que contou cun investimento da Xunta de máis de 540.000 euros, participaron 20 persoas desempregadas. O alumnado dividiuse entre as especialidades de forestal e carpintería de madeira. Ambas contaron con acceso a unhas prácticas remuneradas durante toda a duración do programa.
Estas prácticas reverteron ademais a favor do propio concello, xa que se centraron na mellora e reparación de varios espazos municipais. Así, o alumnado realizou traballos de desbroce e limpeza da senda do Río Miño, ademais de elaborar varandas e pasarelas que permiten facer o percorrido con maior comodidade e seguridade. Os participantes tamén melloraron a sinalización da ruta.
Neste sentido, as actividades levadas a cabo no obradoiro permitiron ao alumnado desenvolver as habilidades necesarias para inserirse no mercado laboral. Tanto é así que algúns dos participantes conseguiron atopar un traballo relacionado co seu sector antes incluso de rematar a formación.
O delegado territorial aproveitou a súa intervención para lembrar que “mellorar os datos de emprego é sempre un dos grandes obxectivos da Xunta e para elo é necesaria unha formación de calidade, pero tamén apostar por unha aprendizaxe práctica”.
Para rematar, Reguera lembrou os bos resultados que conseguiron a gran maioría de obradoiros que se levaron a cabo este ano e destacou “a enorme taxa de empregabilidade que se está a conseguir, tendo en conta que algúns obradoiros aínda non foron clausurados”.
Este ano tiveron lugar na provincia de Pontevedra 21 obradoiros de emprego, o que supón preto de 11,5 millóns de euros de investimento da Xunta de Galicia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario