3 de dec. de 2024

TUI

Tui aposta pola eficiencia enerxética renovando as luminarias dos accesos á cidade 

 Co cambio a led deixaranse de emitir 51,46 toneladas de CO2 


Un dos viais de acceso á cidade, onde se realizará o cambio das luminarias
Foto: C.T.

Infogauda / Tui

 O Concello de Tui vai proceder ao cambio das luminarias dos accesos á cidade pasando do actual sistema de lámpadas de vapor de sodio, por luminarias con tecnoloxía led, co que se mellorará a eficiencia enerxética, se deixarán de emitir máis de 51 toneladas de C02, e se aforrarán máis de 17 mil euros ao ano.  

 Deste xeito o Concello de Tui amosa o seu compromiso co medio ambiente e coa  loita contra o cambio climático. Esta actuación suporá un investimento de 61.417,18 €, financiados con fondos propios con cargo á partida correspondente dos Orzamentos de 2024. O cambio das luminarias será realizado por persoal municipal do Servizo de Electricidade do Concello de Tui.  

 En concreto serán substituídas 238 luminarias.  Deste total 139 están situadas na N-550 no tramo comprendido dende a coñecida coma Ponte de Magnolia, en Rebordáns, até  a rotonda que da acceso á autovía A55 en Alvelos, Guillarei. Outras 83 luminarias e 4 proxectores serán cambiados na PO-304 dende a Sombraboa, ao final da rúa Colón, até Matelo, Randufe no cruzamento con Malvas. Outras 30 luminarias están situadas en pleno centro urbano nas rúas Compostela, Casal Aboy e Maristas.  

 O cambio a tecnoloxía led das actuais lámpadas de vapor de sodio conlevará  un aforro drástico de 144.000 kWh/ano e o que na parte económica supoñerá   17.200 € menos anualmente.  A todo isto hai que sumar o aforro derivado da vida útil das lámpadas, xa que as de vapor de sodio tiñan unha duración de 12 mil horas, e as de led, que van ser instaladas, funcionan entre 50 mil e 100 mil horas. 

 Con esta acción o Concello de Tui reitera o seu compromiso na loita contra o cambio climático coma membro do PACES – Plan de Acción por el Clima y la Energía Sostenible.  

 En concreto o Pacto dos Alcaldes ou Alcaldías para o Clima e a Enerxía Sostible é un compromiso que pretende achegar os obxectivos enerxéticos marcados por Europa aos municipios de todos os países europeos, comprometéndose a actuar para alcanzar o obxectivo da Unión Europea de reducir nun 40% os gases de efecto invernadoiro de aquí a 2030, así como promover a adopción de medidas conxuntas para a atenuación do cambio climático e a adaptación a este.

Ningún comentario:

Publicar un comentario