3 de dec. de 2024

BAIONA

A Xunta inviste máis de 380.000€ na mellora de infraestruturas estratéxicas de Baiona coas axudas do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local 

 A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visita o concello para coñecer as obras previstas en diversas instalacións deportivas


A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, xunto coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e Jesús Vázquez Almuiña, alcalde de Baiona e membros do goberno municipal
Foto. X.G.

Infogauda / Baiona 

 A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, xunto coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, visitou hoxe Baiona para coñecer as melloras previstas en diversas instalacións deportivas co apoio da Xunta a través das axudas do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local (FCL). Trátase dunha liña dotada con 8,5 millóns de euros e destinada a investimentos en infraestruturas municipais de carácter estratéxico. No caso de Baiona vai supoñer unha achega de máis de 380.000 euros para o plan de mellora e optimización das instalacións deportivas municipais, presupostado en máis de 760.000 euros.  

 As obras previstas centraranse nos pavillóns do CEIP Fontes e no polideportivo municipal, cunha acción integrada no marco dos programas a prol do deporte escolar impulsados polo Concello.  

 No caso do pavillón do CEIP Fontes, construiranse aseos e vestiarios, e melloraranse as conexións entre os espazos deportivos, así como a protección cuberta contra o vento e a chuvia. Tamén se farán diversas reparacións tanto na fachada como no interior do edificio. Por outra banda, no pavillón polideportivo redistribuiranse os vestiarios xerais do baixo, nos que a maiores se mellorará a ventilación e a iluminación. O proxecto inclúe tamén melloras térmicas, acústicas e de impermeabilización nas fachadas e na cuberta.  

 Segundo explicou a directora xeral, o obxectivo é proporcionarlle ao alumnado alternativas de práctica deportiva nunha contorna próxima para favorecer o seu desenvolvemento integral mediante o xogo e a actividade física, así como promover hábitos saudables desde as idades máis temperás.  

 “Coa iniciativa apóstase tamén polo desenvolvemento económico e social a través dos eventos deportivos e o turismo relacionado con este sector, que favorece ademais a repercusión no ámbito supramunicipal”, apuntou Natalia Prieto. De feito, o proxecto intégrase no Plan de Acción da Axenda Urbana da Área Funcional do Val Miñor, “unha colaboración estratéxica entre Baiona, Nigrán e Gondomar que asegura un desenvolvemento equilibrado e sostible en toda a comarca, potenciando o impacto económico, social e ambiental dos investimentos en infraestruturas deportivas”, engadiu.  

Unha vintena de proxectos en toda Galicia 

 A directora xeral sinalou que as actuacións beneficiarias da nova liña de axudas no conxunto de Galicia ascenden a unha vintena, a meirande parte delas situadas na provincia de Pontevedra. As obras céntranse en infraestruturas hidráulicas, culturais, deportivas, de mobilidade e accesibilidade e para servizos sociais.  

 Así, xunto coa iniciativa presentada por Baiona, resultaron beneficiarias as do Rosal, Salvaterra de Miño, Marín e Bueu, todas elas para instalacións deportivas; a da Mancomunidade do Salnés, para unha infraestrutura hidráulica; as de Meaño, Moraña, Soutomaior e Poio, para infraestruturas de mobilidade e accesibilidade; e a do Porriño, destinada a servizos sociais.  

 Natalia Prieto explicou que, no marco desta medida, se consideran estratéxicos os proxectos nas infraestruturas locais que sexan fundamentais ou decisivos para a mellora dos servizos, para o desenvolvemento social ou para o equilibrio territorial e teñan repercusión no ámbito supramunicipal ou comarcal.  

 Tamén teñen esta consideración os investimentos en infraestruturas locais con transcendencia económica ou industrial en sectores estratéxicos de ámbito local ou comarcal, que incentiven o desenvolvemento empresarial ou que promovan o tecido comercial da zona, así como os que desenvolvan investimentos en infraestruturas previstos nun plan estratéxico aprobado pola entidade local.  

 O orzamento mínimo dos proxectos beneficiarios nestas subvencións é de 500.000 euros e o financiamento da Xunta pode chegar ata o 50% do importe total, co límite de 700.000 euros por cada proxecto estratéxico.  

Preto de 1,4M€ investidos en Baiona 

 Tendo en conta estas actuacións previstas en instalacións deportivas, a directora xeral destacou que nos últimos anos o Goberno galego investiu preto de 1,4 millóns de euros a través das diferentes medidas de apoio ao eido local, como a Orde de infraestruturas de uso público, o Fondo de Compensación Ambiental, a orde de axudas de eficiencia enerxética cofinanciado con fondos Feder ou o Fondo de Cooperación Local, no que se enmarca esta liña dirixida a proxectos estratéxicos. A través deste conxunto de medidas, só neste ano se distribuíron máis de 32 millóns de euros para a execución de case 700 proxectos municipais en toda Galicia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario