15 de dec. de 2024

TUI

Inauguración do novo edificio multiusos de Tui  

Pedro Blanco destaca que o Goberno está a construír un futuro mellor para Tui da man do Concello e dos fondos do Plan de Recuperación  

O Ministerio de Transportes destina á recuperación do novo inmoble sociocultural preto de 800.000 euros, para unha reforma que superou os 900.000  

Son fondos do PIREP Local, que deixa na provincia de Pontevedra máis de 22 millóns de euros  

O delegado agradece o “traballo incansable” do alcalde e “a súa capacidade para captar e executar os investimentos que están a transformar esta vila”  

Felicita a toda a veciñanza lembrando que “este é un edifico para todas e todos vós, un verdadeiro punto de encontro e de actividade para colectivos veciñais, culturais e sociais” 

 

Pedro Blanco, acompañado polo subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, co alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro; a concelleira de Cultura Sonsoles Vicente; e o arquitecto Daniel Torres, onte pola mañá no acto de inauguración do novo edificio multiusos sociocultural da localidade

Foto: S. de G.

Infogauda / Tui 

 O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, destacou que o Goberno de España está a construír “un Tui mellor, unha vila con futuro, grazas á oportunidade dos fondos do Plan de Recuperación e o traballo man a man co Concello”. O delegado inaugurou esta mañá o novo edificio multiusos sociocultural da localidade, que cualificou como “un paso máis neste camiño de transformación no que os fondos europeos teñen un peso decisivo”. A rehabilitación desta infraestrutura - sita na rúa Camilo José Cela - foi posible grazas a unha axuda estatal de case 800.000 euros procedentes ao Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos (PIREP) do Ministerio de Transportes.   

 Pedro Blanco, acompañado polo subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, explicou que Tui “é un dos mellores exemplos de como aproveitar as oportunidades que ofrecemos desde o Goberno de España”, ao tempo que felicitou ao alcalde, Enrique Cabaleiro, “polo seu traballo incansable e a súa capacidade para captar e executar os investimentos que están a transformar esta vila”.   

 O delegado incidiu en que o novo edificio de usos múltiples reflicte que os investimentos do Plan de Recuperación están chegando a cada recuncho e “fano para mellorar os servizos públicos e o benestar da cidadanía”. Nesta liña sinalou que o PIREP “está demostrando ser todo un acerto polo gran impacto que está tendo en toda Galicia e, en particular na provincia de Pontevedra, onde deixou un total de 22 millóns, consolidándoa como unha das máis beneficiadas de toda España”.    

 Tras visitar as instalacións, rehabilitadas baixo a “brillante dirección” do arquitecto Daniel Torres, o delegado felicitou a toda a veciñanza lembrando que “este é un edifico para todas e todos vós, un verdadeiro punto de encontro e de actividade para colectivos veciñais, culturais e sociais. “Estou seguro de que saberedes aproveitalo para construír un Tui mellor. Contades co Goberno de España para facelo”, concluíu.   

 O investimento total na recuperación deste inmoble superou os 900 mil euros, permitindo mellorar a envolvente do edificio, así como o seu interior de maneira integral. A instalación conta con todos os protocolos de eficiencia enerxética, o que o converte nun espazo multiusos moderno e sostible, de máis de 400 metros cadrados.

Ningún comentario:

Publicar un comentario