Nenos e nenas de Vila Nova de Cerveira e Tomiño presentarán xuntos a nova canción de Mizi, a mascota da Eurocidade
• Coa dirección do grupo Oviravai, están tamén a gravar un vídeo que se presentará en breve
Infogauda / Tomiño
A música rompe fronteiras e crea lazos. O vindeiro venres 27 de decembro (17.30 h), a carpa instalada na Praza do Seixo converterase no escenario dun espectáculo musical moi singular organizada ao abeiro da programación de Nadal do Concello de Tomiño. A actividade ‘Vive o Nadal con Mizi e OViravai’, destinada a público familiar e completamente de balde, reunirá a nenos e nenas das poboacións transfronteirizas de Tomiño e Vila Nova de Cerveira co fin de presentar a canción creada por eles e elas da man do grupo musical OViravai e dedicada en parte a Mizi, a mascota da Eurocidade Cerveira-Tomiño.
O proxecto vai moito máis alá dunha simple canción. Durante estas semanas, as e os pequenos artistas fronteirizos están a traballar xuntas e xuntos para ensaiar, un proceso que está sendo gravado coa finalidade de compoñer un traballo audiovisual que se presentará en breve e no que se amosarán diferentes lugares representativos de ambas as dúas vilas. Deste xeito, esta mesma fin de semana visitarán o Espazo Fortaleza de Goián e a praza do Seixo para gravar unha parte deste vídeo.
Con ensaios nunha e doutra beira do Miño, a rapazada creou rapidamente lazos de amizade, sintonizaron moi ben o traballo en grupo e amosaron unha gran creatividade e entusiasmo, poñendo de manifesto unha vez máis o ben que se coñecen entre vilas veciñas unidas polo río.
Mizi, que xa no Nadal de 2023 sorprendeu visitando as escolas de Cerveira e Tomiño para repartir unha guía educativa sobre a Eurocidade, convértese agora na protagonista dunha canción que reflicte eses mesmos valores de amizade e colaboración.
Ningún comentario:
Publicar un comentario