5 de dec. de 2024

O ROSAL

Este Nadal convértete en amiga ou amigo invisible doando sangue no Rosal  

 A unidade móbil da Axencia Galega de Doazón de Sangue estará situada o luns 9 de decembro na rúa Ramón Franco, nº 4, de 10 a 14 e de 16 a 21 horas   



Infogauda / O Rosal

 Este Nadal convértete en amiga ou amigo invisible doando sangue. O Rosal vai acoller a vindeira semana unha nova visita dunha das unidades móbiles da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS). O autobús estará no concello o luns 9 de decembro á disposición de todas aquelas persoas que queiran deixar a súa pinga de solidariedade. 

 A unidade móbil estará situada na rúa Ramón Franco número 4, diante da sucursal de Abanca, nesta ocasión en horario de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas. Nestes intres precísase especialmente doazóns dos grupos A+, B+, 0- e 0+.  Todas as persoas que desexen doar sangue poderán solicitar máis información chamando ao teléfono gratuíto 900 100 828. 

 Poderán doar as persoas con máis de 18 anos e máis de 50 kg e deberán ir despois de almorzar se acoden pola mañá ou dúas horas despois de xantar ao mediodía se acoden pola tarde. É importante levar a tarxeta de doazón, o DNI ou un documento similar, ademais de informar ao médico en caso de estar tomando algún medicamento. 

 Ademais das 10 unidades móbiles que se desprazan cada día, a Axencia Galega mantén abertos sete puntos fixos nos principais hospitais galegos na procura de doazóns de sangue que despois son procesadas e preparadas para atender as necesidades diarias de milleiros de doentes os 365 días do ano. Os hospitais galegos precisan ente 400 e 500 doazóns de sangue cada día, arredor de 10.000 ao mes, para garantir a asistencia a todas as persoas que o necesitan.

Ningún comentario:

Publicar un comentario