Os ‘Ecos do Nadal’ volven escoitarse no Rosal
• A Coral Ecos do Folón actuará este domingo 15 de decembro, ás 18.00 h, no auditorio municipal, acompañada pola Coral Polifónica ‘Baiona a Real’ e a Coral ‘A Cela’ de Baredo
Infogauda / O Rosal
O Nadal continúa no Rosal esta fin de semana con moita música. Este domingo 15 de decembro, a partir das 18.00 horas, o auditorio municipal será o escenario do XIV Concerto Coral ‘Ecos do Nadal’, unha das citas máis agardadas nestas datas festivas pola veciñanza. Organizado pola Coral Ecos do Folón, a actuación conta coa colaboración da Asociación Músico-Cultural Ecos do Folón, do Concello, da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Santa Mariña e da Deputación de Pontevedra, a través do programa Culturea.
O público poderá gozar de forma gratuíta dun espectáculo no que a Coral Ecos do Folón estará acompañada pola Coral Polifónica ‘Baiona a Real’, unha entidade creada por veciños e veciñas de Baiona en 1989 e que dende os seus inicios percorre toda Galicia e as principais cidades de Portugal co seu repertorio amplo, diverso e innovador. Contará tamén coa participación da Coral ‘A Cela’, de Baredo, tamén de Baiona.
A Coral Ecos do Folón naceu en Fornelos no ano 2012 con 17 compoñentes e foi crecendo de forma paulatina ata chegar ás máis de 30 voces mixtas coas que conta na actualidade. A coral, que participa en todos os circuítos culturais, organiza cada ano dous esperados concertos no Rosal, ‘Ecos de Verán’ e ‘Ecos de Nadal’. Neles amosa no escenario o seu variado repertorio, no que se inclúen temas tradicionais galegos, habaneras, boleros, panxoliñas,... moitos deles arranxados, compostos ou adaptados polo director da coral, Jorge Fernández.
Ningún comentario:
Publicar un comentario