Cultivando Coidados, un sementeiro de apoio e autocoidado no Rosal
• Remata a segunda edición deste programa impulsado polo Concello para ofrecer ás coidadoras ferramentas para o seu benestar físico, emocional e mental
Infogauda / O Rosal
Cultivando Coidados baixa o pano da súa segunda edición converténdose nun auténtico sementeiro de apoio e autocoidado no Rosal. Durante tres meses, o Centro Social Polivalente acolleu unha nova edición deste innovador programa impulsado polo Concello no que 13 mulleres maiores de 55 anos, todas elas coidadoras de persoas dependentes, atoparon un espazo para aprender, conectar consigo mesmas, tecer unha rede de apoio e, sobre todo, coidarse.
O obradoiro, que arrancou o pasado 10 de setembro e rematou esta semana, combinou actividades individuais e grupais, ofrecendo ferramentas prácticas para que as participantes mellorasen o seu benestar físico, emocional e mental. “O traballo das coidadoras é fundamental para as nosas familias e para a nosa sociedade, pero adoita ser un labor invisible e pouco recoñecido. Con este programa queremos poñer o foco nelas, no seu benestar e na súa saúde”, destacou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
Pola súa banda, a concelleira de Benestar Social, Beatriz Rodríguez, subliñou o impacto de iniciativas como Cultivando Coidados. “Compartir experiencias con outras mulleres nunha situación parecida permite xerar un espazo seguro e cheo de comprensión no que compartir vivencias, sentirse comprendidas, arroupadas e valoradas e crear unha rede de apoio que vaia máis alá deste programa. Sen dúbida é un primeiro paso para mellorar o seu benestar integral”, recalcou.
O éxito desta segunda edición reafirma o compromiso do Concello coas persoas coidadoras, especialmente nunha sociedade cada vez máis envellecida, marcando un precedente para continuar avanzando ano a ano en políticas sociais innovadoras.
Ningún comentario:
Publicar un comentario