O BNG DEMANDA UN PLAN DE USOS PARA A FORTALEZA DE SANTA CRUZ E O SEU CENTRO DE INTERPRETACIÓN
Anxo Lois Baz: “converter o Centro de Interpretación da Fortaleza de Santa Cruz nunha sala de billar evidencia a falta de criterio do alcalde da Guarda”
Infogauda / A Guarda
O BNG demándalle “ao alcalde de A Guarda e o seu grupo de goberno, un plan de usos da fortaleza de Santa Cruz que permita poñela en valor, dando a coñecer a súa historia e enchendo de contidos o seu centro de interpretación”. Así o vén de afirmar, o portavoz do BNG, Anxo Lois Baz Vicente.
“A rehabilitación desta fortaleza foi realizada - lembra Anxo Lois Baz - polo Concello de A Guarda coa colaboración da Xunta de Galiza, o Ministerio de Fomento e o Ministerio de Educación, Cultura e Deportes en Xaneiro de 2014 e está catalogado como un BIC (Ben de Interese Cultural) desde 1.995.
A actuación levada adiante neste espazo, entre outras cousas, dotou este ámbito da infraestrutura necesaria para un Centro de Interpretación das fortalezas transfronteirizas que dera a coñecer o sistema defensivo e organizativo a un e outro lado do Río Miño no contexto da denominada “Guerra da Restauración” (1640-1668), na que Portugal recuperou a súa independencia fronte ao Reino de España.
Tratábase pois de transformar este lugar nun referente para entender a existencia das grandes fortificacións fronteirizas que hai no Baixo Miño e Alto Minho portugués e darlle así a vitalidade e dinamismo que merece.
Lamentabelmente o alcalde de A Guarda parece pouco interesado en darlle a función que lle corresponde a este espazo e o único que se lle ocorre, como anunciou fai uns días nos medios de comunicación, é transformalo nunha sala de billar.
Darlle este uso ao centro de interpretación dunha fortaleza que é un Ben de Interés Cultural, resulta grotesco e fala moi as claras da falta de proxecto deste goberno e o seu alcalde”.
O portavoz do BNG, Anxo Lois Baz Vicente manifestou que “esta falta de criterio por parte do alcalde resulta moi preocupante porque as súas actuacións van exactamente no sentido contrario ao que deberan ir para salvagardar e poñer en valor unha das referencias patrimoniais máis importantes da nosa vila como é a Fortaleza de Santa Cruz”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario