25 de nov. de 2024

TOMIÑO

A mocidade tomiñesa reuniuse na praza do Seixo para pedir o fin da violencia machista  

 “Sachos Violetas”, equipo de igualdade e diversidade do IES Antón Alonso Ríos, tivo ao seu cargo a lectura do manifesto, no que pediu á toda a mocidade que se sume á acción  


Con pancartas que exhibían reivindicacións e lemas contra a violencia de xénero, a mocidade de Tomiño manifestouse publicamente
Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño

 Este mediodía, a praza do Seixo foi o punto de encontro do alumnado do IES Antón Alonso Ríos e o resto da cidadanía que asistiu á lectura do Manifesto pola eliminación da violencia de xénero, a cargo do grupo “Sachos Violetas” tamén do instituto.   

 Con pancartas que exhibían reivindicacións e lemas como “Contra a violencia de xénero”, “Somos o berro das que xa non están” ou “No amor non todo vale. Basta de violencia”, a mocidade de Tomiño manifestouse publicamente.  

 “Sachos Violetas”, equipo de igualdade e diversidade do IES Antón Alonso Ríos, está a traballar desde a súa formación, por un futuro libre de discriminacións e violencia. Ao mesmo tempo, buscan implicar á mocidade local, polo que convidaron aos demais estudantes a unirse a eles. Ataviados con distintas vestimentas, polas que as mulleres soen ser discriminadas ou atacadas, os compoñentes do grupo, fixeron fincapé na necesidade de formarse e traballar para acabar con estas actitudes que aínda están, desafortunadamente, arraigadas na sociedade.  

 A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, pola súa banda, foi a encargada de recibir á rapazada e público en xeral. A rexedora comezou por agradecer o compromiso de todas as persoas presentes “nun día de reivindicación contra a violencia machista; unha xornada na que non temos nada que celebrar e moito que reivindicar”, sinalou. 

 Segundo a rexedora, a nosa sociedade “ten un fallo enorme, cando a metade da poboación pode ser vítima desta violencia”. Neste sentido, apuntou que “o machismo presente no noso día a día, é o que alimenta esta violencia, e estamos fartas de que este ciclo continúe, de que cada asasinato pase como unha nova máis, sen que a sociedade se paralice”.  

 Dirixíndose ao grupo “Sachos Violetas”, González  asegurou “comprácenos que esteades a traballar con unha mirada feminista que non é máis que a mirada da igualdade...adiante con todas as iniciativas...porque aínda que parece que temos avanzado moito, os pasiños son pequenos e os retrocesos están sempre ao axexo”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario