25 de nov. de 2024

TOMIÑO

Tomiño acolleu, dentro dos actos do 25N, a presentación do libro “Sempre libres e vivas”  

 A autora do texto, Uqui Permui, acompañada da alcaldesa, falou do alcance inesperado que obtivo a campaña “en negro contra a violencia”, que se recolle no manual  

 

O salón de plenos do Concello de Tomiño acolleu a presentación do libro “Sempre libres e vivas” da deseñadora Uqui Permui
Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño 

 Este mediodía, dentro dos actos organizados polo Concello de Tomiño, tivo lugar no salón de plenos, a presentación do libro “Sempre libres e vivas” da deseñadora Uqui Permui, creadora da campaña “en negro contra a violencia”. O libro, que é tamén un manual para loitar pola igualdade e en contra da violencia de xénero, reúne gran parte da repercusión enorme que obtivo a campaña dentro e fora de Galicia. “Unha campaña transmedia que se levou a cabo baixo unha perspectiva transversal, comunitaria e en rede, para concienciar á cidadanía sobre a existencia de diferentes formas de violencia machista que constitúen un grave problema social”, explicou a autora.  

 O texto, en cuxa publicación colaborou o Concello de Tomiño, é o resultado da perspectiva colaborativa da campaña para conseguir que fora un éxito, explicou pola súa parte, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González. “A campaña en negro foi máis que unha campaña; foi unha marea de condena á violencia machista en ámbitos e esferas onde nunca entrara”, asegurou a rexedora, comentando que dende o ano 2015, cando comezou a campaña, e o 2022, ano en que rematou, a acción conseguiu que se uniran 148 concellos, 235 colectivos sociais, 72 centros de ensino, 290 empresas e miles de establecementos comerciais. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario