Acto institucional polo 25N
Abel Losada alerta no 25-N sobre o intento de utilizar ás vítimas da violencia de xénero que se agocha tralas críticas ao sistema VioGén
▪ O subdelegado fala do valor de denuncias e sentencias e advirte do perigo de dicirlle ás mulleres que o importante é “contalo nas redes sociais”
▪ “Golpe a golpe, autopsia a autopsia, a violencia machista mata”
▪ “Non quero lanzar aquí unha mensaxe optimista porque non teño claro que esteamos gañando a batalla; hai sinais de retroceso entre a mocidade”
▪ O alumnado da Facultade de Ciencias Sociais presenta cinco propostas de campaña publicitaria sobre a dobre vitimización das mulleres inmigrantes
Infogauda / Pontevedra
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, presidiu esta mañá o acto conmemorativo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres no que a responsable da Unidade de Violencia sobre a Muller da Subdelegación, María José Rodríguez, deu lectura á Declaración institucional aprobada polo Goberno co gallo do 25N. A artista Mariña Rey Noya foi a encargada de abrir o acto, ao que asistiron diversas personalidades do eido político, civil, policial e militar, coa interpretación da canción “Compañeira”.
Abel Losada lembrou que na provincia hai 1.805 mulleres amparadas polo sistema VioGén, que lles garante o seguimento por parte da Policía Nacional, da Garda Civil e tamén das policías locais, e incidiu en que grazas a este sistema “todos os días, a todas horas, hai mulleres que poden saír á rúa”. “VioGén salva moitas vidas sen encher titulares de 5 columnas”, recalcou.
O subdelegado rexeitou as “críticas oportunistas, demagóxicas e moi desinformadas ao sistema VioGén” ocorridas a raíz dos dous últimos asasinatos machistas producidos na provincia, e repetiu “que ningunha delas produciuse por un fallo de VioGén”. Alertou contra as tentacións de utilizar ás vítimas da violencia machista e ás súas familias, “ao igual que no seu día algunha formación política xa decidiu intentar utilizar ás vítimas da violencia terrorista”. A este respecto recordou que o Goberno de España xa ten unha proposta de ampliación do Pacto de Estado asinado en 2017 e tamén está a implementar melloras continuas en VioGén, polo que sobran “críticas partidarias”. “Todo nesta vida é mellorable, pero VioGén mellórase falando pouco e facendo moito”. “Se a opinión sobre VioGén, un sistema pioneiro no mundo, depende de quen goberna en Madrid, mal vamos”, concluíu.
Losada insistiu na necesidade de que alén de que as Administracións asignen recursos á loita contra a violencia de xénero, “todos e todas temos a obriga de exercer como activistas sociais contra o negacionismo e a equidistancia, porque ese lugar intermedio entre o feminismo e o machismo non existe; chámase machismo”. “Hai que elixir bando”, insistiu. Tamén incidiu na importancia de denunciar “non nas redes e con hashtags, senón nos xulgados, nos cuarteis e nas comisarías”. “O que vale -engadiu o subdelegado- son as denuncias e as sentenzas, xa que golpe a golpe, autopsia a autopsia, a violencia machista mata”. “Hai tellados contra os que convén non tirar pedras”, enfatizou.
Fadoua e Estela
O subdelegado comezou a súa intervención cos nomes de Fadoua e Estela, as dúas vítimas da violencia machista na nosa provincia e expresou a súa preocupación polos “evidentes sinais de retroceso entre a mocidade”. “Non quero lanzar aquí unha mensaxe optimista porque non teño claro que esteamos gañando esta batalla e porque o Ensino, e fundamentalmente o Ensino público ten un papel pendente que xogar construíndo valores e Educación cívica”.
Rematou o discurso institucional recordando frases típicas das vítimas exculpando aos seus maltratadores e cun desexo compartido: “Hoxe é 25 de novembro, falta un mes xusto para a Noiteboa. Celebrémola, ¡oxalá!, sen que falte ningunha máis”.
O acto institucional contou tamén coa presencia do alumnado do Máster en Dirección de Arte en Publicidade da Universidade de Vigo, que presentou a campaña de concienciación sobre a violencia de xénero encargada no marco dun programa de Aprendizaxe-Servizo entre a Universidade e a Subdelegación. Unha campaña centrada no impacto da violencia nas mulleres inmigrantes en situación irregular e que foi dirixida pola decana de Ciencias Sociais, Emma Torres. As cinco campañas presentadas, baixo os epígrafes “Linguaxe universal, a linguaxe das mulleres”, “A linguaxe da violencia é invisible; a resposta tamén”; “Totems seguros”; “Detecta e actúa” e “Barreiras”, fan propostas para a abordaxe da lacra machista e a dobre vitimización das mulleres inmigrantes.
Ningún comentario:
Publicar un comentario