5 de nov. de 2024

REDONDELA

O comité do Concello de Redondela alerta do progresivo esmorecemento dos servizos públicos 

Denuncia falta de persoal e deterioro de vehículos municipais e de equipos de traballo




NOTA DE PRENSA DO COMITÉ DE EMPRESA DO CONCELLO DE REDONDELA  

 Tras a asemblea realizada o 15/10/2024 as persoas empregadas públicas do Concello de Redondela decidiron en votación por maioría emprender unha serie de actuacións para denunciar e mostrar a súa preocupación pola deriva que están a tomar os acontecementos.  

 O comité de empresa, en reunión extraordinaria do 23/10/2024, decidiu, entre outras medidas, facer pública esta nota de prensa.  

 Ao longo destes anos vimos denunciando a falta de persoal. Lembrar que todos e cada un dos postos de traballo do Concello teñen unha partida económica reservada para pagar o salario de todo o ano. Pois ben, este Goberno empéñase en manter ano tras ano unha media de 20 postos de traballo vacantes, co prexuízo que isto ten tanto para a atención e a solución de problemas á veciñanza, como para o seu propio desenvolvemento e defensa dos seus intereses.  

 Os vehículos e algúns equipos de traballo caen a cachos; os vehículos de Obras e do Servizo de Emerxencias son moi antigos e non saen do taller, até o punto de que algúns deles xa teñen protagonizado algunha incidencia polo seu mal estado, pero este Goberno non o toma en serio e non fai practicamente nada por reverter esta situación. O feito de non ter uns equipos de traballo en condicións retarda o traballo, supón un esforzo extra e pon en perigo a seguridade das persoas traballadoras.  

 Estamos nun punto onde o Goberno local intenta negarnos as mudas anuais de roupa de traballo, algo que non lembran nin as persoas máis veteranas. A concelleira de Persoal, chega ao punto de ameazarnos de forma velada con non cumprir un acordo ao que chegamos anos atrás para a mellora do vestiario se esiximos a entrega da roupa anual. Esta roupa levámola solicitando dende o mes de febreiro polo, que non hai escusa que xustifique o desleixo.  

 Parece que a intención do Goberno é facer esmorecer estes servizos públicos coa intención de privatizalos, pero como se pode ver coas privatizacións que xa está levando a cabo as facturas multiplícanse e o Concello arruínase. Fálase de remunicipalizar servizos e nin sequera son quen de ter o cadro de persoal completo.  

 Queremos uns servizos públicos de calidade para a cidadanía e queremos traballar con dignidade, e este é o primeiro movemento -ao que lle seguirán outros- para que lle quede claro ao Goberno. 

(R.)

Ningún comentario:

Publicar un comentario