19 de nov. de 2024

O ROSAL

300 anos de historia no corazón do Rosal  

 O Concello celebra unha nova edición das Xornadas de Patrimonio cunha charla o 22 de novembro sobre o retablo barroco da igrexa de Santa Mariña 

  



Infogauda / O Rosal  

 O retablo barroco da igrexa de Santa Mariña está de aniversario: 300 anos, tres séculos de historia que o converten nun auténtico tesouro cultural do Rosal. Para conmemorar este fito, o Concello celebra unha nova edición das Xornadas de Patrimonio o vindeiro venres 22 de novembro, ás 20.00 horas, na igrexa de Santa Mariña, cunha charla na que este histórico retablo será o protagonista. 

 A actividade contará coa participación de D. Julio Ramos Rodríguez, párroco do Rosal, quen achegará unha visión única grazas a unha intensa investigación no arquivo parroquial a través da que descubriu a data de construción do retablo e o nome dos artesáns que lle deron vida colocándolle o pan de ouro. Porén, o autor do retablo continúa a ser descoñecido. 

 O párroco estará acompañado ademais por Juan Manuel Monterroso, catedrático de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela, que contextualizará este retablo nunha análise máis ampla falando da ‘Forma, devoción e ilusión. Aproximación histórica ao retablo barroco galego’. 

 A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, destaca a importancia de celebrar un ano máis estas xornadas de balde abertas a todos os públicos, “unha oportunidade excepcional para poñer en valor o noso legado histórico e para achegar á veciñanza a riqueza artística, cultural e patrimonial que temos tan preto de nós”. 

 Pola súa parte, o concelleiro de Patrimonio, Carlos Villanueva Domínguez, anima a toda a veciñanza rosaleira a participar nesta xornada e achegarse un pouco máis á historia do retablo de Santa Mariña, “unha xoia que merece ser coñecida e celebrada. É un orgullo poder compartir esta parte da nosa historia cunha actividade que une coñecemento, arte e comunidade”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario