José Teixeira apadriña o I Premio Orpagu, a cita ciclista urbana da Festa do Peixe Espada
• Será o día 26 de xullo, ás 15:00 h, na zona de A Sangriña
Infogauda / A Guarda
A vila de A Guarda acollerá o venres 26 de xullo, desde ás 15:00 h, na zona de A Sangriña, o I Premio Orpagu de Ciclismo, unha carreira urbana organizada polo Team Oiense e patrocinada pola Organización de Palangreiros Guardeses (Orpagu), no marco da tradicional Festa do Peixe Espada.
Ese evento deportivo será a primeira iniciativa de Orpagu vencellada ao ciclismo, un novo exemplo do seu apoio ao deporte base e a promoción de hábitos saudables.
A proba disputarase nun circuíto urbano de 1,1 quilómetros, aberta á participación de ciclistas de todas as idades e categorías. Desde os 4 anos ata veteráns de máis de 60. Segundo a idade, os participantes darán máis ou menos voltas ao trazado, nun evento que vai mesturar espíritu competitivo e participación familiar.
"Queremos que esta proba sexa un reflexo de que cremos: deporte, familia, esforzo e participación. O mar é o noso medio, pero sabemos que o deporte tamén é comunidade", afirmou Juana Parada, directora xerente de Orpagu.
O padriño da carreira será José Teixeira Rodríguez, natural de Mondariz, unha das figuras históricas de ciclismo galego. Con traxectoria como corredor profesional e técnico, na actualidade é masaxista do equipo gañador do Tour de Francia 2024. Teixeira quixo asistir á presentación oficial da proba, pero as súas obrigas profesionais impídenllo nestas datas.
O Team Oiense, fundado en 2013, e presidido desde 2019, por Aser Estévez Cividanes, conta con 90 licenzas federadas, incluíndo 10 rapazas, 15 ciclistas de base e 25 corredores en activo. A carreira contará coa participación dos seus tres equipos e con representantes doutros clubs galegos.
"Cremos que este premio pode converterse nun referente anual e nunha ponte entre xeracións. É unha honra contar co apoio de Orpagu e co apadriñamento dun referente como Teixeira", dixo Aser Estévez, impulsor da iniciativa.
O I Premio Orpagu de Ciclismo aspira a consolidarse como unha cita deportiva e popular dentro da programación da Festa do Peixe Espada, mesturando tradición, vida activa e deporte para todos os públicos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario