6 de out. de 2024

TUI

Confederación Hidrográfica Miño-Sil  

Xa está en marcha o procedemento que permitirá a mellora do entorno do río Caselas, en Tui 

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil investirá case un millón de euros nesta iniciativa de posta en valor do patrimonio etnográfico e natural do río 

As persoas propietarias dos terreos afectados están convocadas os días 19, 20 e 21 de novembro para o levantamento das actas de ocupación 


Abel Losada, subdelegado do Goberno en Pontevedra
Foto: S. de G.


Infogauda / Tui 

 A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), organismo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, vén de convocar a todas as persoas propietarias dos terreos afectados polas obras de mellora do entorno, accesibilidade e patrimonio etnográfico do río Caselas ao seu paso por Tui os días 19, 20 e 21 de novembro no Salón de Plenos do Concello para o levantamento das actas de ocupación. 

 Este é o primeiro paso para avanzar neste proxecto que contempla a restauración e posta en valor dos muíños do Medio, o Souto de Arriba e da Seña e a construción dunha senda peonil paralela ao río Caselas. Este novo sendeiro unirase á ruta fluvial tamén proxectada no concello de Salceda de Caselas.  

 O proxecto supón un investimento de máis de 935.000 euros e está cofinanciado entre o Goberno de España, que asumirá o 80 % do custo, e o Concello de Tui, responsable do 20 % restante.  

 O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, salientou que este primeiro paso na tramitación administrativa, previo á execución das obras, “achega a recuperación e posta en valor do río Caselas e evidencia, unha vez máis, o compromiso do Goberno pola vila de Tui”.  

 Neste sentido, o subdelegado salientou o labor que está a desenvolver a CHMS na recuperación do patrimonio natural e etnográfico na provincia e lembrou que este organismo investiu nos últimos anos máis de 370.000 no municipio tudense para construír a pasarela peonil na desembocadura do río Louro ou eliminar especies invasoras no río Cotarel, entre outras iniciativas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario