BALONMÁN FEMININO
As cadetes do Guardés buscan unha praza entre os oito mellores equipos de España
• O equipo da base baixomiñota iniciará este venres a Fase Zonal do Campionato de España Cadete Feminino, que acollerán ademais como anfitrioas na Sangriña
• BM Xixón, EMD Aceuchal e Vicapal BM Palencia son os tres rivais contra os que as de María Doiro loitarán polo primeiro posto que as faría avanzar na competición
Redacción Deportes/A Guarda
As cadetes do Mecalia Atlético Guardés van a por o seu último reto da tempada. Despois de alzarse campioas da liga Ouro, primeira competición a nivel galego, as de María Doiro seguen decididas a facer historia e buscarán esta fin de semana o primeiro posto do Sector Nacional que lles faría seguir avanzando como un dos oito mellores equipos a nivel estatal no Campionato de España Cadete Feminino. Xixón, Aceuchal e Palencia serán os rivais neste evento que acollerá este venres, sábado e domingo o pavillón da Sangriña.
O maio fantástico das de María Doiro continúa esta fin de semana, ao que chegan dispostas a poñer o broche de ouro. Tras alzarse campioas da liga Ouro, primeira competición da súa categoría a nivel autonómico, por primeira vez na historia do Guardés, e tras obter a continuación un meritorio segundo posto de grupo na Minicopa de España; o equipo canteirán acolle agora como anfitrión a Fase Zonal do Campionato de España Cadete Feminino, un Sector Nacional cuxo gañador entrará no coñecido como top oito da competición e seguirá facéndose un oco entre os mellores conxuntos da categoría a nivel estatal.
Así, entre este 22 e 24 de maio, o Mecalia recibirá en casa ao Balonmán Xixón, ao EMD Aceuchal e ao Vicapal BM Palencia Feminino, tres rivais de alto nivel que xogarán nun todos contra todos por ese primeiro posto de gloria. A primeira xornada comezará este venres, con encontros ás 17.00 e 19.00 horas, e cun gran ambiente nos arredores da Sangriña da man da gastroneta As Brasas, que estará a servir comida en todos os encontros do Sector.
A previa, organizada polo Club en colaboración coa pena de afeccionados O Inferno, ofrecerá máis atractivos tamén o sábado e o domingo, comezando por un clínic o día 23 ás 10.00 horas enfocado ao deporte de base, inmediatamente antes do primeiro partido, que será ás 11.00 horas. A xornada pecharase cun segundo encontro ás 13.00, seguida das ofertas de tapas postpartido na cantina de Robert que inclúen arroz de segredo, arroz de mariscos e bocadillos a prezos populares.
O domingo, para terminar, A Sangriña vestirase de gala nunha xornada decisiva tanto para pequenas como para maiores, que no deportivo comezará cos dous partidos finais do Sector de novo ás 11.00 e 13.00 horas; e pecharase ao grande coa final da EHF European Cup ás 19.00 horas. Haberá inchables todo o día, gastronetas, polbeiro entre partidos e música, así como novas ofertas para comer polbo, churrasco ou bocadillos cuxos tickets xa se poden comprar no Bar O Pescador ou na mesma cantina, así como o propio domingo in situ.
Alén de todo o contextual, este evento trátase dunha gran oportunidade para un equipo cadete que está a asinar unha tempada histórica, pero tamén para un Club que quere seguir sendo referente a nivel galego e estatal e ofrecendo unha experiencia completa con cada partido. Todo está a punto por ambos os bandos, e pase o que pase, A Guarda non esquecerá esta fin de semana marcada no calendario hai semanas para o seu balonmán.
María Doiro: “Este equipo creceu moito durante a tempada e quere demostrarse a si mesmo do que é capaz”
A adestradora das cadetes do Guardés, María Doiro, explica que afrontan esta Fase Zonal “cunha idea moi clara: queremos ir a por todas”. Unha máxima que as súas xogadoras se marcaron desde que lograron esa clasificación, “e non baixaron de aí”. “Saben que é un reto moi esixente, pero tamén que traballaron moitísimo para estar aquí e que teñen dereito a competilo con ambición”, engade a técnica.
Do mesmo xeito que a Minicopa, para a guardesa o Sector Nacional volve ser unha competición “fundamental na súa formación como deportistas”, que obriga a xestionar a presión e acostúmaas a responder en partidos de maior esixencia e nivel, “experiencias que lles fan crecer dentro e fóra da pista”. A nivel deportivo, Doiro indica que “nos imos a atopar equipos moi fortes, con xogadoras moi competentes e cun nivel importante dentro da súa categoría”, polo que vai ser unha fase moi dura e esixente en termos de madurez competitiva. Pero as ganas das súas, insiste, están por diante: “Este grupo creceu moito durante a tempada, aprendeu a competir mellor e agora quere demostrarse a si mesmo todo o que é capaz de facer nun escenario importante”. Escenario, ademais, especial ao tratarse da súa propia casa.
A nivel persoal, a técnica da base destaca a importancia de repetir esta experiencia con este grupo dous anos despois, cando gañaron a liga Ouro en categoría Infantil. “É inevitable mirar atrás e ver todo o que creceron e construíron xuntas”, explica, recoñecendo que “en todo este camiño, elas deixaron unha pegada enorme en min, desas que che cambian a forma de mirar un equipo”.
En definitiva, a folla de roteiro está clara para as cadetes baixomiñotas. “Desfrutar e competir cada partido ao máximo” é unha das prioridades, así como “deixarnos todo para intentar conseguir ese obxectivo que elas mesmas propuxéronse”, en palabras da súa adestradora. “E oxalá cando todo termine podamos sentir que fomos valentes, que aproveitamos a experiencia e que non nos deixamos nada dentro”, conclúe Doiro.
AXENDA
Campionato de España Cadete Feminino | Fase Zonal (Sector A)
Balonmán Xixón A – Vicapal BM Palencia Feminino
Venres, 22 de maio | 17.00 horas | Pavillón da Sangriña
Retransmisión: https://www.youtube.com/watch?v=7trwcnt4tqo
Campionato de España Cadete Feminino | Fase Zonal (Sector A)
Mecalia Atlético Guardés – EMD Aceuchal
Venres, 22 de maio | 19.00 horas | Pavillón da Sangriña
Retransmisión:
https://www.youtube.com/watch?v=dj6nz5xkaac
Campionato de España Cadete Feminino | Fase Zonal (Sector A)
Balonmán Xixón A – EMD Aceuchal
Sábado, 23 de maio | 11.00 horas | Pavillón da Sangriña
Retransmisión:
https://www.youtube.com/watch?v=huqe2xzdyb8
Campionato de España Cadete Feminino | Fase Zonal (Sector A)
Mecalia Atlético Guardés – Vicapal BM Palencia Feminino
Sábado, 23 de maio | 13.00 horas | Pavillón da Sangriña
Retransmisión:
https://www.youtube.com/watch?v=_rebnvbhpca
Campionato de España Cadete Feminino | Fase Zonal (Sector A)
EMD Aceuchal – Vicapal BM Palencia Feminino
Domingo, 24 de maio | 11.00 horas | Pavillón da Sangriña
Retransmisión:
https://www.youtube.com/watch?v=89_v9x1g4ew
Campionato de España Cadete Feminino | Fase Zonal (Sector A)
Mecalia Atlético Guardés – Balonmán Xixón A
Domingo, 24 de maio | 13.00 horas | Pavillón da Sangriña
Retransmisión:
https://www.youtube.com/watch?v=jjpj8bqmpue
Minicopa Cadete de España 2026 | Fase de grupos (Grupo A)
KH-7 Granollers – Mecalia Atlético Guardés
Venres, 8 de maio | 16.15 horas | Pavillón José Antonio Gasca (Donostia)
Retransmisión:
https://www.youtube.com/watch?v=lnvupdjawf4
Minicopa Cadete de España 2026 | Fase de grupos (Grupo A)
Mecalia Atlético Guardés – Rocasa Gran Canaria
Sábado, 9 de maio | 10.00 horas | Pavillón José Antonio Gasca (San Sebastián)
Retransmisión:
.jpeg)
Ningún comentario:
Publicar un comentario