25 de out. de 2024

TOMIÑO

O Circo de Pinocho chega este Nadal a Tomiño cun espectáculo cheo de fantasía  

  Educateatro Producións ofrecerá do 6 ao 8 de decembro na Avenida de Gondomar unha experiencia na que combina teatro musical cos números máis clásicos do circo  

•  Contará cunha sesión para rapazada con trastornos do espectro autista con redución de ruído e luces acendidas  

  Entradas xa a venda en liña 

 

Por primeira vez, o concello de Tomiño acollerá o Circo de Pinocho
Foto: C.T.


Infogauda / Tomiño 

 O Nadal arrancará en Tomiño cunha boa dose de maxia, fantasía e ilusión. Por primeira vez, o concello acollerá o Circo de Pinocho, un espectáculo dirixido por Educateatro Producións que desembarcará en decembro no municipio para ofrecer ao público a oportunidade de gozar dun espectáculo único que mestura o mellor do teatro musical cos números circenses de sempre sen ter que desprazarse fóra de Tomiño.  

 Do 6 ao 8 de decembro, Tomiño acollerá catro sesións deste espectáculo nunha carpa climatizada na Avenida de Gondomar para que o público poida gozar da experiencia con todo o confort necesario. Para facer esta actividade o máis inclusiva posible, o Circo de Pinocho contará o domingo 8 ás 12 h cunha función con maior presenza lumínica e con redución de ruído para falcilitar que as persoas con hipersensibilidade auditiva ou calquera outro trastorno que produza problemas sensoriais poidan desfrutar tamén do espectáculo. 

 As funcións serán o venres 6 ás 18.30 horas, o sábado 7 ás 17.00 h e o domingo 8 haberá sesión dobre con funcións ás 12.00 e ás 17.00 horas. 

 A alcaldesa, Sandra González, subliña a importancia de traer este tipo de actividades ao concello para o desfrute da veciñanza. “O circo é unha das formas máis antigas de arte e diversión, e contar con espectáculos de calidade como este é un verdadeiro privilexio para Tomiño. Queremos que todos os veciños e veciñas, cativada e maiores, teñan a oportunidade de vivir a maxia do circo e aprender a través da cultura”, sinala.  

 O Circo de Pinocho conquistará ao público coa historia de Pinocho, que tras ser convertido nun neno de verdade pola Fada Mimadriña cumpre o seu soño de montar un circo. Xunto a personaxes entrañables como Geppeto, convertido a pallaso, ou Pepiño Griño, o mestre de cerimonias, o público será testemuña dun espectáculo con trapecistas, acróbatas, malabaristas e equilibristas. Pero a historia dá un xiro inesperado cando un feitizo fai que Pinocho volva ser de madeira e a Fada Mimadriña desapareza tras ser raptada pola malvada Chinche Chinchón.  

 Un espectáculo para todos os públicos perfecto para desfrutar en familia dunha montaxe que mestura diversión, aprendizaxe e cultura. As entradas xa están á venda en liña e tamén estarán dispoñibles unha hora antes de cada función na sala do circo. Ademais, o espectáculo contará con prezos especiais o venres 6 de decembro, Día do Espectador, con entradas a 10€ máis gastos de xestión, e o domingo 8 na sesión matinal das 12.00 horas, cun desconto de 3€ en cada entrada.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario