17 de out. de 2024

O ROSAL

O Rosal pedalea cara ao futuro cun sistema de préstamo de bicicletas para as escolas deportivas  

 O Concello colabora co Club Ciclista O Rosal para ceder bicis a aqueles nenos e nenas que queiran practicar ciclismo sen que a falta de recursos sexa un impedimento 

   

Cun investimento de case 7.000 euros financiados ao abeiro do Plan extraordinario de infraestruturas deportivas da Deputación de Pontevedra, o Concello xa adquiriu as bicicletas que serán cedidas a nenos e nenas para fomentar a igualdade tamén no acceso ao deporte
Foto: C.O.R.


Infogauda / O Rosal 

 Que ningún neno nin nena quede sen practicar ciclismo por falta de recursos. O Concello dá un paso decisivo cara á inclusión deportiva coa adquisición de material para a posta en marcha dun sistema de préstamo de bicicletas que permitirá que os cativos e cativas das escolas deportivas do Club Cliclista O Rosal poidan adestrar aínda que non teñan bicicleta propia. 

 Cun investimento de case 7.000 euros financiados ao abeiro do Plan extraordinario de infraestruturas deportivas da Deputación de Pontevedra, o Concello xa adquiriu as bicicletas que serán cedidas a nenos e nenas para fomentar a igualdade tamén no acceso ao deporte. 

 A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, subliñou a importancia dun proxecto que busca “que todos os nenos e nenas teñan as mesmas oportunidades, sen que iso dependa dos recursos económicos familiares. O deporte debe ser un espazo de inclusión e con este sistema de empréstito asegurámonos de que ningún rapaz ou rapaza quede sen practicar ciclismo por non poder mercar unha bici”.  

 Este proxecto permitirá o préstamo de bicicletas de diferentes tamaños para abranguer todos os rangos de idade. As bicicletas estarán dispoñibles no local situado nos baixos da escola infantil municipal, destinado aos clubs de ciclismo, onde se realizarán as entregas e devolucións dos elementos prestados.  

 O concelleiro de Deportes, José Carlos Martínez Crespo, resaltou a colaboración co Club Ciclista O Rosal, “exemplo perfecto de que a colaboración co tecido deportivo, asociativo, social,..., é fundamental para facer do Rosal un municipio máis igualitario. Queremos que calquera neno ou nena poida gozar deste deporte en igualdade de condicións e que o ciclismo siga medrando na nosa vila, e esta é unha gran maneira de conseguilo”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario