1 de out. de 2024

ECONOMÍA

A CIG desenvolve protestas simultáneas en todas as empresas da automoción galega 

 A central quere sensibilizar os cadros de persoal e alertar as compañías do automóbil viguesas, pontevedreses e ourensás da grave situación do sector 


Centos de traballadores/as da automoción galega desenvolveron hoxe concentracións simultáneas convocadas pola CIG-industria en todas as compañías do sector en Vigo, Pontevedra e Ourense
Foto: CIG

Infogauda / Vigo 

 Centos de traballadores/as da automoción galega desenvolveron hoxe concentracións simultáneas convocadas pola CIG-industria en todas as compañías do sector en Vigo, Pontevedra e Ourense para sensibilizar os cadros de persoal das graves ameazas que enfronta o sector e alertar as empresas ante o futuro incerto que teñen por diante como consecuencia da parálise na industria do coche eléctrico, do escurantismo de Stellantis a respecto dos plans para a planta de Vigo e da falta dunha política industrial por parte da Xunta de Galiza. 

 As mobilizacións tiveron lugar de 13:00 a 14:00 horas, coincidindo cos cambios de quenda, ás portas dun total de 24 compañías -tanto de fabricación como de compoñentes- da industria galega do automóbil nas comarcas viguesa, pontevedresa e ourensá ao berro de “Emprego digno na automoción”. Tal e como explicou o secretario nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas, que participou na protesta celebrada diante de Stellantis en Vigo, esta nova acción fai parte da campaña en defensa do sector que desenvolve a central sindical. 

 “Despois das mobilizacións no Concello de Vigo para denunciar as promesas incumpridas a respecto da automoción, na Xunta pola súa falta de política industrial e en Stellantis por agochar o verdadeiro plan que ten para a planta de Vigo hoxe facémolo diante de todas as empresas para sensibilizar os cadros de persoal e alertar da situación”, sinalou o responsábel sindical. 

 Bouzas considera “intolerábel” os anuncios que tanto as compañías como as distintas administracións están a facer sobre o sector “mentres asistimos a unha baixada na fabricación do vehículo eléctrico, ao que fiaron o futuro da automoción”. E alertou que as constantes paradas que está a facer Stellantis -como a última de 10 días que vén de anunciar- auguran unha nova vaga de despidos, ERE e ERTE. “Insisten en que os custes laborais son moi altos, o que motivaría os despidos, mais o certo é que os beneficios empresariais están disparados”. 

 O secretario nacional da CIG-Industria lamentou que o único que pretenden as empresas con esta estratexia sexa seguir recibindo máis cartos públicos, “polo que seguiremos a reclamar que a concesión de subvencións se vincule co mantemento do emprego e das condicións laborais”. Ao mesmo tempo, censurou que co seu “silencio” as compañías son “cómplices” desta política (escurantismo de Stellantis e falta de plan industrial da Xunta) que ameaza a supervivencia dun sector estratéxico para o país e fundamental para estas tres comarcas.  

 Finalmente, lembrou que a CIG leva tempo denunciando que a situación que atravesa o sector está a ter consecuencias directas sobre as condicións de traballo, “xa que nos atopamos inmersos/as nun novo proceso de precarización laboral (salarios, xornada, dereitos sociais) ante o que é necesario mobilizarse en defensa do sector, do emprego e das condicións de traballo”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario