24 de set. de 2024

TOMIÑO

Tomiño aposta pola formación e o emprego cun novo curso de atención sociosanitaria  

 O Concello formará a 15 auxiliares en atención a persoas no domicilio cun curso de 300 horas para persoas desempregadas 

 

Imaxe do alumnado da última edición do curso de atención sociosanitaria a domicilio en Tomiño
Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño 

 O Concello rematará o ano cunha nova oportunidade formativa dirixida a veciños e veciñas en situación de desemprego. De outubro a decembro, 15 persoas poderán formarse como auxilares de atención sociosanitaria a persoas no domicilio, un curso teórico e práctico organizado pola Concellería de Benestar Social e Deportes en colaboración con IDADES que busca facilitar o acceso ao mundo laboral nun sector en constante demanda. 

 O curso constará dun total de 300 horas, das que 150 horas serán de formación teórica do 7 de outubro ao 2 de decembro. As clases impartiranse de luns a venres de 09.30 a 13.30 horas na Escola Obradoiro O Regatiño de Goián. Tras esta formación, as persoas participantes realizarán prácticas non remuneradas en entidades do sector.  

 Ao rematar a formación, a empresa ten compromiso de contratación das persoas participantes, que recibirán un diploma acreditativo que ademais de facilitar o acceso ao mundo laboral como auxiliares de Axuda a domicilio, servirá para abrirlles a vía de acceso ao proceso de obtención de Acreditación das competencias profesionais da Consellería de Educación da Xunta de Galicia.  

 Como explica o concelleiro de Benestar Social, Rubén García, “dende o Concello continuamos apostando por organizar accións que dan resposta ás necesidades reais do mercado laboral, mellorando a empregabilidade dos nosos veciños e veciñas. Esta formación permitirá a todas as persoas adquirir as competencias necesarias para traballar nun sector con gran demanda de persoal como é o da atención sociosanitaria”.  

 Dirixido a persoas desempregadas empadroadas en Tomiño e con carné de conducir, o prazo de inscrición abrirase dende este mércores 25 de setembro ás 09.00 horas ata o vindeiro 1 de outubro ás 13.00 horas. As persoas interesadas poderán inscribirse a través do formulario habilitado na web municipal. Para máis información sobre o programa, as persoas interesadas poden contactar coa Técnica de Orientación Laboral no enderezo electrónico ana.sanchez@tomino.gal ou chamando ao 986 62 20 03.

Ningún comentario:

Publicar un comentario