13 de set. de 2024

REDONDELA

‘Eureka Reto Rural’ baixa o pano cun novo xogo de escape para percorrer a historia de Redondela  

O xogo de escapismo dixital de Eu Rural e o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño chega ao seu fin cunha nova cita o vindeiro sábado 20 de setembro ás 20.00 horas 

Inscricións xa abertas na web  




Infogauda / Redondela 

 Tras varios meses percorrendo o territorio, ‘Eureka Reto Rural’ despedirase cunha nova e emocionante cita en Redondela, cun xogo de escapismo que permitirá ao público percorrer e ir descubrindo a rica historia e patrimonio natural e cultural da vila. Con esta nova actividade, Eu Rural e Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño pecharán un proxecto co que se buscaba ofrecer un produto turístico diferente e orixinal para achegar ao público ao territorio a través de xogos de escapismo temáticos ao aire libre, de forma dixital, de balde e para todos os públicos. 

 O vindeiro venres 20 de setembro o Concello de Redondela acollerá un encontro que prevé o mesmo éxito de edicións anteriores, unha cita na que as persoas participantes se enfrontarán a unha nova aventura chea de enigmas e desafíos que permitirán coñecer de forma lúdica e interactiva os segredos da vila. 

 O xogo de escapismo partirá ás 20.00 h da Alameda de Castelao para desfrutar dunha ruta circular de dificultade moderada. As persoas que desexen participar deberán inscribirse de forma individual a través do formulario habilitado na web do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño e acudir ao punto de encontro. Todas e todos os menores de 12 anos deben ir acompañados dunha persoa adulta. Para as persoas que non poidan desfrutar desta experiencia o día do estreo, o escape room permanecerá aberto ao público durante un mes a través da web do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño.  

 A presidenta de EuRural, Sandra González, resaltou a grande acollida deste programa “que fusionou turismo rural e entretemento ao longo dos últimos meses con grande éxito, permitíndonos coñecer os lugares máis emblemáticos do noso territorio. É un orgullo ver o impacto positivo que tivo nos nosos concellos, ofrecendo unha forma de descubrir as nosas vilas dun xeito lúdico, divertido e orixinal que atraeu a veciñanza e visitantes”. 

 A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, convidou ao público a inscribirse no xogo de escapismo e sinalou que esta iniciativa “supón unha grande oportunidade para coñecer a historia do municipio dun xeito lúdico e orixinal”. ‘Eureka Reto Rural’ vai ofrecerlle tanto á veciñanza como aos visitantes “unha experiencia única na vila de Redondela, cun atractivo percorrido por lugares emblemáticos como os viadutos, o Cemiterio dos Eidos, a Igrexa de Santiago, o Pazo de Petán ou a fervenza da Feixa, así como coñecer a historia de símbolos como a Coca ou Xan Carallás”. Esta actividade, ademais de ser unha excelente diversión para a rapazada e as familias, “é tamén un xeito de poñer en valor o noso patrimonio histórico, cultural e natural”. “É un orgullo que Redondela sexa o reto que pecha esta programación, e estou segura de que será o broche de ouro para estas actividades de escapismo”, recalcou. A alcaldesa anima “a toda a veciñanza e visitantes a participar en ‘Eureka Reto Rural’ para coñecer a nosa vila e o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño a través dunha experiencia que seguro será moi divertida e enriquecedora”. 

 O equipo gañador do xogo de escapismo de Redondela poderá desfrutar dunha estancia con aloxamento e almorzo para seis persoas nos apartamentos turísticos Alto da Pousa, en Tomiño. Ademais, o Concello de Redondela sorteará tres lotes de produtos do territorio entre todos os grupos participantes. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario